DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de preinscrición permanecerá aberto ata o 26 de marzo

Actividades de ocio e formativas para achegar o campus aos máis pequenos durante verán

Reactívase o Campus Camp para facilitar o coidado dos fillos nas vacacións á comunidade universitari

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
 E.L. Castro DUVI 16/03/2010
Dentro do afán habitual da Universidade por impulsar iniciativas que permitan conciliar a vida laboral e familiar, vén de abrirse a convocatoria para a participación no Campus Camp 2010 de Pontevedra. Este programa, organizado pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, a través da Área de Igualdade, ofrece unha serie de actividades lúdicas para nenos e nenas, co obxectivo de facilitarlles aos traballadores e ao alumnado do campus o coidado dos seus fillos durante os períodos vacacionais. Ao mesmo tempo, busca achegar o campus aos nenos e nenas con propostas que abranguen desde tenis e rugby, ata cinema, informática, teatro ou música, unha boa maneira de darlles a coñecer a Universidade e o ámbito de traballo dos seus pais.

Ocio divertido e formativo

A convocatoria está dirixida a pais e nais membros do PAS, PDI e estudantes do campus con fillos de 3 a 12 anos, que teñen de prazo para realizar a preinscrición ata o 26 de marzo. Búscase así achegarlles alternativas de ocio divertidas, saudables e formativas, cunha gran variedade de opcións. De aí que entre os obxectivos específicos da iniciativa figure o fomento das actividades ao aire libre, posibilitar a convivencia e o desenvolvemento das relacións interpersoais, desenvolver as habilidades e potencialidades dos nenos e nenas a través do xogo e favorecer a idea de grupo e o traballo cooperativo.
As actividades comezarán o 21 de xuño e prolongaranse ata o comezo do curso escolar. Inclúen obradoiros de animación á lectura, de psicomotricidade, de xogos, de expresión dramática, de expresión musical e de expresión plástica, ademais de piscina, a práctica de varios deportes, proxeccións de filmes, clases de informática, actividades de relaxación e obradoiros para aproximarse de xeito divertido á ciencia.

Prazos, formularios e taxas

O prazo de preinscrición comezou onte, día 15 de marzo, e permanecerá aberto ata o día 26. Para confirmala deberá aboarse unha taxa de 20 € por cada neno. A formalización definitiva da inscrición deberá realizarse do 19 ao 30 de abril e as taxas varían en función da quenda na que se inscriban (unha quincena, un mes ou varios meses) e do número de fillos. Na páxina web da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes están dispoñibles os formularios e as taxas e pode consultarse información relativa á convocatoria, así como a memoria de actividades da anterior edición. Admitiranse todas as solicitudes presentadas dentro dos prazos establecidos, en función da capacidade de acollida do campus.