DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso organizado pola UVigo, Amigos da Terra e Enxeñería sen Fronteiras

Activismo feminino galaico-hondureño para achegarse aos problemas derivados da sobreexplotación dos recursos

Activistas hondureñas e galegas visibilizarán o papel das mulleres na defensa da terra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 04/02/2022

As conexións existentes entre as realidades de Galicia e Honduras permitirá ás persoas promotoras e asistentes ao curso Escola de sustentabilidade e cidadanía local. Mulleres bravas defensoras da terra reflexionar sobre os impactos ambientais e sociais do actual modelo de consumo e desenvolvemento, e afondar nas alternativas sostibles de xestión dos recursos que exemplifican que existen outras formas de producir, consumir e vivir. A iniciativa da Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da UVigo, en colaboración con Enxeñería sen Fronteiras e Amigos da Terra, é gratuíta e diríxese de forma prioritaria ao alumnado, aínda que caso de quedar prazas libres, estas poderán ser ocupadas por calquera membro da comunidade universitaria, que ata o 17 de febreiro poderá matricularse, na plataforma Bubela, neste curso, que contará, entre as súas poñentes, con varias activistas hondureñas e galegas que darán a coñecer o papel das mulleres na defensa da terra e na promoción de alternativas produtivas baseadas na economía social. 

“O noso modelo de produción e consumo baixo a premisa ‘compra moito, tírao cando se estrague e volver comprar’, é irracional e insostible e para poder mantelo necesitamos unha gran cantidade de recursos, polo que estamos ante un boom extractivista dentro da UE que afecta a rexións, que soen ser periferias, como Galicia, ao tempo que se acentúa o espolio nos países empobrecidos, tamén coñecidos como o Sur Global”, explican Patricia Iglesias e Sergio Fernández, técnicos de Amigos da Terra e de Enxeñería sen Fronteiras, respectivamente. Ambos os dous técnicos, que achegarán os seus coñecementos aos participantes no curso, lamentan a existencia de países onde o sistema de protección social e ambiental é máis feble, “e as corporacións que controlan a maioría dos fluxos de materias primas, maoiritariamente procedentes dos países sumidoiro (os coñecidos en xeral como países ricos), atopan máis rendibilidade para os seus negocios. Este xeito de producir controlado por unhas poucas mans provoca a ‘maldición da riqueza en materias primas’, xa que favorece un contexto pouco democrático nos países explotados, o que ten como consecuencia a creación de zonas de sacrificio, de onde moitas persoas teñen que migrar, así como a represión a movementos de persoas que defenden os dereitos dos habitantes destes lugares”, sinalan Patricia Iglesias e Sergio Fernández. 

Activismo feminino galaico-hondureño

 Escola de sustentabilidade e cidadanía local. Mulleres bravas defensoras da terra estrutúrase a modo de itinerario formativo con seis sesións, presenciais e en liña, nas que se abordarán, a partir do 23 de febreiro, as problemáticas globais relacionadas coa sobreexplotación dos recursos naturais en todo o mundo (extracción de materias primas, produción de enerxía e explotación da terra, etc.), e que afectan especialmente aos países máis empobrecidos. Os docentes e investigadores da UVigo, Águeda Gómez e Xavier Simón; xunto a Patricia Iglesias e Sergio Fernández, serán os encargos de impartir o curso, no que tamén participarán integrantes de Agareso, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, e no que activistas galegas e hondureñas terán un especial protagonismo.

No caso das mulleres chegadas de Honduras, trátase de produtoras, labregas, mariscadoras e gandeiras, articuladas colectivamente en cooperativas, grupos de produción ou xuntas veciñais para a xestión da auga. “A maioría delas, ademais, forman parte de grupos organizados que defenden ecosistemas clave como os manglares, ou se opoñen a grandes obras extractivistas como plantacións fotovoltaicas ou minas”, detallan desde Amigos da Terra e Enxeñería sen Fronteiras, que, nun contexto como o de Honduras destacan, “o exemplo de valentía que dan estas mulleres, actuando localmente na divulgación sobre as problemáticas ligadas á extracción, consumo e á sensibilización acerca dunha produción sustentable de bens”. Patricia Iglesias e Sergio Fernández inciden no importante  papel que as mulleres están a desempeñar na defensa da terra e na economía social nun modelo que definen como “extractivista capitalista”, no que se produce “unha apropiación tanto dos territorios/corpos como do traballo das mulleres, ademais dunha invisibilización do papel dos coidados, que recae nas mulleres”. A estas circunstancias se engade ademais, segundo os membros de Amigos da Terra e Enxeñaría sen Fronteiras, que os perigos e abusos que as mulleres, “polo feito de ser mulleres bravas”, enfrontan no seu activismo nun contexto patriarcal son mais fortes, “porque non deixan de seguir levando a carga dos seus roles tradicionais, como se nos homes se vise normal que estean nestas loitas públicas e visibles, pero se a muller participa nelas é unha irresponsable por deixar a casa e a familia”, explican.

Paralelismos entre Honduras e Galicia 

Para Patricia Iglesias e Sergio Fernández as problemáticas existentes en Galicia e en Honduras son manifestacións do mesmo sistema insustentable que afecta hoxe en día a todo o planeta. No caso concreto de Galicia, citan como exemplos máis claros dos efectos do extractivismo nos últimos anos “o auxe da nova minaría e os intentos de reactivas antigas explotacións. Actualmente, o boom é o da produción enerxética, sobre todo parques eólicos, tanto de nova creación como a repotenciación dos existentes”,  ao que engaden o fenómeno da concentración das explotacións agro-gandeiras e o esgotamento de recursos da pesca, a pesar das regulacións en organizacións como as confrarías.