DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Comunicación Audiovisual roda secuencias de ficción con intérpretes profesionais

O actor ten moito que dicir diante e detrás das cámaras

Con esta actividade búscase que o estudante valore a compoñente narrativa das producións

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 20/04/2012

O compoñente narrativo define o éxito ou o fracaso dunha peza audiovisual. Conscientes desta realidade, profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación convidaron a cinco actores profesionais para que se puxeran baixo a dirección do alumnado de Comunicación Audiovisual. Simulando un ambiente de rodaxe realista, os estudantes de 3º curso gravaron secuencias de ficción prestando especial atención á interpretación, elemento fundamental da linguaxe audiovisual. “Os alumnos e alumnas teñen moi claro dende o principio o tipo de iluminación, a montaxe, os planos... pero non se decatan do potencial do actor, do que necesitan del para que un guión se converta nunha boa historia”, sinala o profesor Oswaldo García.

Simone Negri, Iria Pinheiro, David Perdomo, Cristina Ramallal e Vicky Pérez foron os actores que colaboraron nesta práctica, financiada polo Consello Social da Universidade de Vigo e coa que o alumnado toma consciencia “do papel fundamental que o actor xoga na construción do relato audiovisual”, apunta García. En moitas ocasións sucede que o estudante de Comunicación Audiovisual “só se centra” na vertente técnica dunha rodaxe esquecendo outros elementos vitais “que fan funcionar ou non a historia”, como a dirección de actores. “O estudante non é consciente do que pode traballar cun actor antes de gravar, se o diálogo debe facer rir ou non ao espectador, se ten que ser dramático ou non, con máis ou menos ritmo...”, exemplifica o profesor.

Rutinas de produción profesionais

No contexto da materia de Produción, guión e realización para ficción en televisión, o profesor García observou que algunhas das prácticas de clase non estaban sendo proveitosas a nivel narrativo “xa que eran os propios alumnos os que interpretaban as súas historias”, de aí que decidise convidar a actores reais. Todos os grupos da materia tiveron dúas horas para gravar a súa secuencia, respectando todos os pasos dunha rodaxe profesional. Tras coñecer con cinco días de antelación quen ían ser os seus actores, “o alumnado tivo que encargarse de contactar con eles, citalos, darlles indicacións de vestiario e facilitarlles o guión” para que o intérprete chegase á rodaxe cunha idea definida do seu personaxe. “Na vida real, no día da rodaxe, só hai tempo para unha lectura rápida do guión, para un ensaio e unha posta en escena”, describiu.

Tras a experiencia, os propios actores avaliaron o traballo dos seus “improvisados” directores. Tanto o profesorado como os intérpretes decatáronse de que o estudante, nun principio, non é quen “de sacarlle todo o proveito ao actor”, pero mentres transcorre a rodaxe “si que se decata de que pode pedirlle máis cousas a nivel interpretativo”. Non obstante, García aclara que a dirección de actores “é un labor complicado” no que se vai mellorando a medida que se gaña experiencia laboral, “polo que o único que fai falla é tempo e un criterio profesional concreto”.

Pola súa banda, o alumnado amosouse moi satisfeito coa práctica porque, ademais da experiencia de rodar con profesionais do sector, “comprobaron o seu potencial real, sendo capaces de realizar produtos de ficción con bastante eficiencia”. O estudante tamén conseguiu establecer contactos co mundo profesional “o que lle pode ser proveitoso para futuros proxectos nos que necesiten de actores, contando xa cunha rede de relacións sen necesidade de intermediarios”.

Así mesmo, o profesor Oswaldo García tamén salienta que este tipo de iniciativas proxectan a imaxe da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación no contexto real do audiovisual galego “xa estes profesionais externos á Universidade falarán da existencia deste centro nas diferentes producións polas que se van movendo".