DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Variedade de espectáculos na Mostra Internacional de Teatro Universitario

Actores de Costa de Marfil presentan na MITEU unha adaptación do mito de Salomé

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 16/04/2010
Salomé foi unha princesa idumea de gran beleza, filla de Herodes Filipo e Herodías e fillastra de Herodes Antipas á que se relaciona coa morte de Juan el Bautista. Segundo conta a tradición Salomé bailou para o seu padrastro o cal, entusiasmado, ofreceuse a concederlle o premio que desexara. Ela pediulle a cabeza do Bautista, que lle foi entregada en bandexa de prata. A historia de Salomé é un mito universal que recollen as tradicións de moitos lugares do mundo, entre eles o país africano e foi esta realidade a que animou á actriz e dramaturga Marie-José Hourantier escoller o texto para a montaxe da obra La Tète de Salomé co seu grupo Le Bin Kadi So, de Costa de Marfil. A montaxe subirá a escena este venres no Auditorio co gallo da décimo quinta edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario, MITEU.
A actuación do grupo Le Bin Kadi So na MITEU foi presentada este venres no Auditorio nun acto ao que asistiron a concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Isabel Pérez; o director da mostra, Fernando Dacosta e a dramaturga Marie-José Hourantier. Na súa intervención Isabel Pérez subliñou a posibilidade que ofrecen estas xornadas dedicadas ao teatro internacional “para coñecer as propostas de países como Costa de Marfil e para coñecer postas en escena como a desta compañía que nos vai permitir gozar dunha noite de teatro en francés”.

A morte como unha pasaxe a un novo mundo

Hourantier cualifica a adaptación que fixo do texto orixinal como “unha ópera verbal que cuestiona o mito de Salomé e na que se lle concede á morte ser como unha pasaxe cara un novo mundo, unha nova identidade”. O espectáculo dura un total de 45 minutos e os textos son en francés, unha realidade que non debe desanimar ao público non coñecedor desta lingua que, segundo a directora da obra, “pode aferrarse a outro tipo de códigos como o traballo do corpo, a entoación dos actores e a música, entre moitos outros, o que lle permitirá gozar da función”. A posta en escena complétase coa interpretación de cantos africanos e franceses.
Na adaptación do texto orixinal ao teatro Marie-José Hourantier tentou respectar os ritos que se recollen naquel como a sedución, a danza dos sete velos, a decapitación e a auga como elemento purificador. De todos eles a directora fai especial fincapé no acto de decapitación de Juan el Bautista pola importancia que posúe a cabeza do ser humano na sociedade africana. Segundo as súas palabras, “na sociedade africana a cabeza representa todo o corpo, toda a persoa. De feito na tradición do noso país é moi frecuente cortarlle a cabeza ao defunto e enterrala á beira da casa por ter a crenza de que esta parte do corpo é a alma desa persoa falecida”, explica. Na obra Salomé aprópiase da cabeza do Bautista, actitude que vai provocar nela unha transformación da súa personalidade, “que pasa de non poder gozar da carnalidade e da sensualidade do home pero que acaba obtendo a súa espiritualidade”. A dramaturga Hourantier quixo recoller tamén na montaxe a importancia que ten a palabra na sociedade africana. “Para nós a palabra e a acción son dou actos que van unidos. A palabra transfórmase inmediatamente en acto e non podemos retrotraernos nunca desa palabra dita”, declara.

Máis funcións na fin de semana

A Mostra Internacional de Teatro Universitario ten preparado xa un variado programa de funcións para esta fin de semana. O sábado, 17 de abril, o grupo de teatro portugués Tup de Porto representará o seu espectáculo Alan no Auditorio. O domingo os incondicionais do mundo da escena terán a oportunidade de coñecer o traballo que desenvolve a Aula de Teatro Infantil do campus de Ourense que amosarán no Auditorio a obra Os nenos do túnel. Máis teatro universitario da man da MITEU o domingo coa actuación da Aula Universitaria de Zaragoza que presentará no Teatro Principal o seu último traballo, O porvir está nos ovos.