DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O actual decano de Ciencias da Educación e do Deporte presenta a única candidatura ás eleccións do centro

José María Cancela repite equipo, agás na secretaría da facultade, que recaería en María Jesús Herre

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 14/04/2010

A candidatura de José María Cancela Carral, actual decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, é a única presentada ao proceso electoral iniciado no centro o pasado 17 de marzo. Finalizado o prazo de reclamacións á proclamación provisional de propostas, hoxe procedeuse á proclamación definitiva da única lista presentada. Se finalmente consegue o apoio necesario nas votacións que terán lugar o vindeiro martes 20 de abril, Cancela Carral sería reelixido decano á fronte dun equipo practicamente igual ao vixente.
Só habería un cambio na secretaría da facultade, que recaería en María Jesús Herrera Ruíz, en substitución de María del Carmen Sánchez Rey. Repetirían Alfonso Gutiérrez Santiago como vicedecano de Infraestruturas e Organización Docente, Óscar García García como vicedecano de Converxencia Europea e Relacións Institucionais e Leonardo Fuentes Blanco como vicedecano de Practicum, todos eles profesores adscritos ao centro, tal e como especifica a lexislación vixente.
José María Cancela é profesor titular da Universidade de Vigo na Área de Educación Física e Deportiva. Pertence ao Departamento de Didácticas Especiais e dirixe o grupo de investigación GHI22, dedicado ao estudo e promoción da actividade física como instrumento de mellora da saúde dos diferentes grupos de poboación. Da súa xestión á fronte do equipo decanal da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte destaca o proceso de adaptación das diferentes titulacións ao Espazo Europeo de Educación Superior. Actualmente impártense no centro os graos de Educación Infantil, Educación Primaira e Ciencias da Actividade Física e do Deporte.