DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os días 1, 15, 22 e 29 de abril na Facultade de Dereito

A actualización dos métodos de ensino centra as II Xornadas de metodoloxías docentes activas en Dereito Romano

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 01/04/2009

A posta ao día cos novos métodos de ensino no EEES, é o obxectivo das II Xornadas de metodoloxías docentes activas en Dereito Romano que se inauguraron este mércores no Edificio Xurídico-Empresarial. A adaptación ao EEES supón importantes cambios, tanto na docencia, como no proceso de aprendizaxe que a partir de agora implicará máis activamente aos alumnos. Por iso, este curso que se desenvolverá os días 1, 15, 22 e 29 de abril non afondará tanto en contidos propios do Dereito Romano, senón nas técnicas para impartir esta no EEES e as experiencias que xa se están levando a cabo.
“O tema destas xornadas é do máis oportuno tendo en conta o momento no que nos atopamos”, sinalou durante a inauguración a decana da Facultade de Dereito, Inés Iglesias. Na súa opinión este curso pon de manifesto “a necesidade de universalizar os coñecementos e metodoloxías docentes, para que as titulacións sexan válidas en todo o contexto europeo”.
Pola súa banda, Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus destacou o éxito das anteriores xornadas “que de seguro se repetirá”. Destacou ademais a importancia deste tipo de iniciativas que proporcionan ao alumnado unha vantaxe competitiva sobre os estudantes doutras universidades porque “ao rematar a súa carreira, a parte do título, posuirán no seu currículo unha ampla formación complementaria”.
Na inauguración do curso Emilio Atrio, presidente do Consello Social, referiuse ao organismo que preside asegurando que “é a representación da sociedade na universidade e polo tanto non podemos ser alleos a todos estes actos culturais e formativos que, a dicir verdade, o 90% se realizan neste campus”.

O Dereito Romano e Europeo

Os relatorios comezaron da man de Fabio Botta, catedrático de Dereito Romano da Universidade de Cagliari en Italia, “experto na materia e gran amigo que xa nos visitou en varias ocasións”, puntualizou o codirector das xornadas, Luis Rodríguez. Botta quen comezou o seu relatorio en italiano para logo continuar en español, afondou na súa intervención no caso do Dereito Romano en Italia, explicando as diferenzas que existen nos métodos docentes con España. Ademais fixo un repaso á evolución desta materia ao longo da historia, referíndose “ás numerosas crises que sufriu o Dereito Romano, ante a incapacidade de resolver novos problemas”, dixo Botta. Sen embargo, foi máis alá ofrecendo unha perspectiva optimista cara ao futuro.
Finalizada a intervención de Botta, foi o profesor da Universidade de Florencia, Vicenzo Durante o encargado de pechar esta primeira xornada falando do Dereito Europeo.

Máis xornadas

O curso retomará a súa actividade o día 15, cun obradoiro de aprendizaxe colaborativa. Ao seu remate Carmen López Rendo, profesora da Universidade de Oviedo e Gustavo de las Heras, catedrático de Dereito Romano da Universidade de Castilla-La Mancha ofrecerán dous relatorios sobre as experiencias piloto na docencia do Dereito Romano adaptado ao EEES e o emprego das novas tecnoloxías nas aulas.
O 22 de abril comezará a xornada coa intervención de Francesco Musumeci, da Universidade de Catania en Italia e continuará co relatorio da profesora Rosalía Rodríguez, da Universidade de Almería que falará do innovador proxecto Tuning nas materias histórico-xurídicas.
Para finalizar este curso, o mércores 29 desenvolverase un obradoiro práctico e tras esta actividade o catedrático da Universidade de La Rioja, Alfonso Agudo, ofrecerá unha intervención sobre os métodos de ensino do Dereito na antiga civilización de Roma. Será seguido por Modesto Barcia, doutor en Dereito e avogado en exercicio, que falará do emprego de casos prácticos nas materias de carácter xurídico. Finalmente, o acto de clausura porá o punto e final a estas catro xornadas.