DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Fisioterapia acollerá dous cursos sobre o tratamento da síndrome da dor miofascial

Actuando na raíz de múltiples molestias musculares

A inscrición nestas actividades pode levarse a cabo a través da plataforma Bubela

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 21/04/2014

Con frecuencia, pór solución a unha determinada molestia muscular implica ir máis aló da zona na que se concentra a dor. Deste xeito, a dor miofascial maniféstase a través dos chamados puntos gatillo, os puntos de máxima tensión dun músculo que son capaces de desencadear molestias no sistema musculo-esquelético tanto nas zonas máis próximas como noutros puntos máis distantes do corpo. Aprender a detectar estes focos de dor e coñecer algunhas das técnicas que existen para tratalos é o obxectivo de dous cursos que se desenvolverán do 25 ao 27 de abril e do 6 ao 8 de xuño na Facultade de Fisioterapia.

“Dentro dun músculo sempre hai unha banda máis tensa e dentro desta existe un punto de máxima tensión, que, se o presionas, desencadea uns patróns específicos de dor”, explica o profesor Gustavo Rodríguez, director dos dous cursos complementarios que tratarán de ampliar a formación de estudantes e graduados en Fisioterapia sobre a síndrome da dor miofascial. É, apunta, un problema “moi común, que motiva cantidade de molestias e dores do sistema musculo-esquelético e que mesmo pode estar vinculado a determinadas dores no sistema visceral”, molestias ás que se lle pode dar solución mediante o tratamento dos citados puntos gatillo.

Por iso, traballar desde o campo da fisioterapia para “desactivar ese puntos”, que se corresponderían co que algúns chaman ‘nós musculares’ pode contribuír a “dar solución non só ao problema muscular polo que acode un paciente, senón tamén a outras molestias asociadas aos patróns de dor referida de cada punto gatillo”, como apunta Rodríguez Fuentes. De aí a importancia de que os profesionais e futuros profesionais aprendan “a localizar eses puntos e ver se algún está activo, así como a coñecer os patróns de dor que refire cada punto”, para a partir de aí realizar un tratamento específico.

A opción conservadora e a alternativa invasiva

O interese amosado polo alumnado por ampliar a súa formación sobre “unha das técnicas de traballo máis estendidas” no campo da fisioterapia, motivaron que Rodríguez Fuentes organizase por primeira vez dous cursos complementarios sobre a detección e o tratamento deses puntos gatillo, nos que a matrícula pode realizarse a través da plataforma Bubela. Ambos serán impartidos por Guillermo Bilbao, fisioterapeuta no Hospital do Salnés e profesor asociado da Universidade de Vigo.

O primeiro deles desenvolverase no centro do campus pontevedrés entre o 25 e o 27 de abril e centrarase no tratamento conservador da síndrome da dor miofascial, a través dunha serie de técnicas que se realizan manualmente na zona muscular na que se atopa activo o punto gatillo. Xa entre o 6 e o 8 de xuño, desenvolverase o Curso de introdución á fisioterapia invasiva da síndrome da dor miofascial, no que se abordará como debe realizarse o tratamento a través dunha punción seca, empregando unha agulla sobre o punto gatillo afectado. “Son dúas formas diferentes de traballar, a punción supón un estímulo directo sobre o punto gatillo co que podes producir uns efectos maiores que con tratamentos manuais e conservadores”, explica Rodríguez Fuentes, que tamén matiza que a aplicación de agullas, “obviamente, implica unha serie de precaucións que é preciso ter en conta”.