DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A aula de teatro USC – Lugo achegou a obra ‘A paz perpetua’ ao público vigués

A adaptación dunha das obras ensaísticas de Kant abre unha semana de teatro universitario

As citas seguirán hoxe martes e mañá mércores no Teatro Roberto Vidal Bolaño

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 24/04/2017

O Teatro Roberto Vidal Bolaño da Cidade Universitaria acolleu a segunda sesión en Vigo da décimo novena Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, un certame que reúne na cidade olívica dende o pasado 5 de abril e ata o 3 de maio a cinco compañías universitarias. Desta, tocoulle a quenda ás e aos integrantes da aula de teatro USC-Lugo, que mostraron o seu talento coa obra A paz perpetua, de Juan Mayorga. Así comezou a semana grande de teatro no campus coa que se lle achegará ao público vigués durante tres días diferentes mostras de creacións teatrais actuais.

Fai un mes a compañía luguesa dirixida por Paloma Lugilde estreaba a obra de onte no XXIII Festival de Teatro Universitario da USC, coa que obtiveron grandes loanzas . Onte, os cinco actores e actriz, achegaron esta adaptación do ensaio filosófico de Kant á Universidade de Vigo, onde tamén recibiron eloxios. As persoas que asistiron a ver a obra atoparon enriba do escenario unha especie de cuadrilátero no que Odín, Emmanuel e John-John, tres cans das razas rotwailler, dóberman e pastor alemán e formados para garantir a seguridade dos humanos, disputaron unha serie de probas de competición para chegar a ser do grupo k9, unha elite especial antiterrorista que busca un novo integrante. Pero para chegar, tiveron que pasar unha serie de probas nun lugar secreto baixo a atenta mirada dun ser humano e un can veterano, que exerceu como instrutor, e así conseguir o colar branco que lle garantira o aceso.

Os espectadores recreáronse cunha obra que suscita os dilemas da loita contra o terrorismo. Cada un dos cans, interpretados por actores e, por suposto, con características humanas, responden a una tendencia de como abordar o tema da seguridade fronte a calquera situación que atente contra a integridade.

Don Giovanni e Éxodos para as citas de hoxe e mañá

Despois da representación de onte, o escenario do Roberto Vidal Bolaño acollerá de novo esta tarde e mañá ás 18.30 horas as dúas seguintes citas. As quendas son para a compañía da ESAD - Comedia da Arte, que achegará a súa interpretación da obra de Zorrilla, Don Giovanni, e a Aula de Teatro do Campus de Vigo, que presentará Éxodos, dirixida por Pepa Barreiro.

Hoxe, coa posta en escena da Comedia de Arte – ESAD, as e os asistentes poderán divertirse coa parodia do famoso mito de Don Giovanni, unha revisión do drama xocoso de Don Juan, na que dous cabaleiros apostan que sairán airosos dos actos cometidos durante un ano. Non satisfeitos co resultado, deciden facer fronte a un último desafío e partir desta decisión, comeza unha segunda parte na que Don Giovani vai ter que responsabilizarse do seu pasado diante de Deus e da sociedade. Cos dez actores e actrices que completan o elenco as e os espectadores poderán gozar de música, acrobacia, improvisación, máscaras, crítica social e, sobre todo, moito humor co que, durante 50 minutos, se poderán relaxar.

Na quenda do mércores e coa Aula de Teatro do Campus de Vigo enriba do escenario, o público que decida asistir a ver esta obra dirixida por Pepa Barreiro, poderá observar, a través dos 10 personaxes que forman parte de Éxodos, pequenas escenas de vida coas que procuran denunciar no que a sociedade está convertendo o mundo e do que ninguén é alleo, posto que as accións teñen consecuencias e, estas, estanlle afectando a todos os habitantes de preto. Unha análise e crítica ás decisións e accións da sociedade actual.

A vindeira semana as representacións serán no auditorio municipal

Os focos mudarán de espazo nas dúas últimas citas da mostra, as dos días 2 e 3 de maio. Así, poderemos ver tanto á Compañía de teatro da UC3M Carlos III e o grupo Bin Kadi So de Costa de Marfil no auditorio municipal do Concello de Vigo. As dúas sesións, ás 20.30 horas. A compañía madrileña representará unha obra de Valle Inclán, La marquesa Rosalinda, dirixida por Abel González Melo e na que se funde a tradición da Commedia dell’Arte e o estilo cortesán. Os encargados de baixar o pano serán Bin Kadi So de Costa de Marfil coa súa interpretación de Dans l’incendie, dirixida por Marie-José Hourantier a partir do texto de Laurent Fréchuter. Trátase dunha fantasía heroica, unha serie de variacións sobre unha campesiña, Xoana de Arco, queimada pola vida, atravesada por voces, facendo teatro de todo. Unha Xoana africana, facendo a figura da paz.