DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Facultade de Belas Artes, da man dun grupo de estudantes e docentes

Unha adaptación da obra “Demostración” achega as matemáticas á sociedade

Ciencia e teatro únense na representación desta peza do dramaturgo estadounidense David Auburn

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 29/05/2008

Logo de representarse no Vidal Bolaño de Vigo, un grupo de estudantes de Química e de Relacións Laborais dirixidos por catro profesores do Departamento de Matemáticas da Universidade, traerán unha adaptación da obra Demostración (Proof) de David Auburn ao campus pontevedrés. O obxectivo desta iniciativa é achegar a disciplina matemática ao público en xeral e segundo explica unha das organizadoras, Carmen Quinteiro, “que mellor maneira de facelo que a través do teatro”, comentou a docente.
A obra, que será interpretada este venres, 30 de maio, na sala de exposicións da Facultade de Belas Artes, Sala X, estreouse no Manhattan Theatre Club de Brodway, onde se acadaron as 917 funcións. Ademais, foi galardoada cos premios Tony e Pulitzer desta categoría e xa no 2006 foi levada ao cine da man do director John Madden, baixo o título La verdad oculta.

Matemáticas e teatro no mesmo escenario

Na representación, ademais de pasar un rato moi entretido da man do elenco de actores, os asistentes afondarán un pouco máis sobre as matemáticas, unha disciplina moi descoñecida para os que no se dedican a ela. Deste xeito, ao longo da obra cóntase a historia de Catarina, unha estudante universitaria que vese obrigada a abandonar a súa prometedora carreira para dedicarse en exclusiva ao coidado do seu pai, Roberto, un brillante matemático que sofre unha enfermidade mental dexenerativa. Logo da súa morte, Catarina debe enfrontarse a Clara, a única irmá que ten e a Alberto, un pupilo do defunto que desexa revisar os escritos que deixou coa esperanza de atopar algún material inédito aproveitable. A aparición dun caderno cunha demostración fantástica porá a proba a todos personaxes.