DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o grupo MinhoNet, liderado pola Universidade e pertencente á rede de esteiros europeos Delta

Adaptar o percorrido ás correntes garantiría o funcionamento do ferry A Guarda-Caminha cun custo reducido

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 13/09/2011

Uns 200.000 pasaxeiros e 30.000 vehículos usan anualmente o ferry que une A Guarda coa localidade portuguesa de Caminha. A falta de calado en determinados puntos do percorrido pon en perigo a continuidade deste servizo de transporte e semella que a solución que se plantexa pasa necesariamente polo dragado. Mentres a ministra de Medio Ambiente, Rosa Aguilar, anunciaba este luns o seu compromiso de manter vivo este servizo e e amosaba a súa disposición a acometer as actuacións de dragado, dende a Universidade plantéxase unha solución alternativa. Para o grupo de traballo Minhonet, pertencente a DeltaNet, Rede Europea de Rexións con Esteiro, “a mellor práctica para facer fronte aos problemas de sedimentación do río que impiden o normal funcionamento do ferry entre A Guarda e Caminha é o cambio de trazado. Adaptando o percorrido ás correntes fluviais garantiríase o seu funcionamento a un custo moi reducido, case sen necesidade de facer grandes procesos de dragado”. Esta é unha das conclusións da terceira reunión do grupo local de MinhoNet, liderado pola Universidade de Vigo e celebrada en Goián, Tomiño, para tratar aspectos nos que esta rede ten responsabilidades.

Outras conclusións

Por outra parte, os asistentes a esta xuntanza reafirmaron a necesidade de controlar o proceso de turbinado da auga na presa de Frieira, no río Miño, demandando que as autoridades competentes “obriguen á empresa concesionaria a cumprir coa normativa ambiental relativa ao caudal ecolóxico”.

Os participantes na reunión chamaron tamén a atención sobre a necesidade de pór en valor o enorme potencial ambiental e cultural do esteiro do río Miño. “Na actualidade existe un déficit de intervencións en positivo por parte das autoridades con responsabilidades sectoriais: cómpre traballar para elevar a conciencia ambiental; cómpren accións que integren a riqueza ambiental na política de fomento do mundo rural; cómpren accións que trasladen á sociedade civil, sobre todo aos máis cativos, o valor da conservación de ecosistemas únicos, como é o esteiro do río Miño”.

Representantes galegos na Deltanet International Conference

Entre as institucións participantes nesta reunión atopábase a Universidade de Vigo, o concello de Tomiño, a Cámara de Caminha e o grupo ecoloxista ANABAM, que aproveitaron esta xuntanza para preparar a Deltanet International Conference, que se celebra esta semana en en Tulcea, Romanía. Neste congreso participan tres investigadores galegos, Lola Dominguez, Luis Martínez e Manuel Pombal, que presentarán varios proxectos que se desenvolven na actualidade no esteiro do Miño. Entre eles destaca a a a acción de ANABAM en defensa dos ecosistemas fluviais para a protección da píllara, unha ave singular destas terras.

DeltaNet é o nome do proxecto Network of European Delta Regions - Sustainable Delta Governance. Trátase dun proxecto de iniciativa rexional que pretende mellorar a gobernanza das rexións europeas con esteiros, mediante a creación dunha rede de cooperación. A Universidade de Vigo participa nesta rede a través do GIEEA, Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, en calidade de socio representando ao esteiro do Río Miño.

DeltaNet reúne 9 rexións europeas con esteiros, pertencentes a 7 países diferentes da Unión Europea: Esteiro do Sheldt (Bélxica e Holanda); Delta do Ebro (Cataluña); Esteiro do Tejo (Portugal); Delta do Danubio (Romanía e Ucraína); Delta do Vístula (Polonia); Esteiro do Elba (Alemaña); Esteiro do Miño (Galicia e Portugal); Delta do Llobregat (Cataluña) e Esteiro do Severn (Gales, Inglaterra).