DUVI

Diario da Universidade de Vigo

184 novos titulados destas catro carreiras despedíronse da súa etapa universitaria

ADE, Economía, Filoloxía Galega e Bioloxía despiden as súas últimas promocións de licenciatura

Nos tres actos destacouse a importancia da formación continua e de actualizar coñecementos

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 14/06/2013
Como cada venres das últimas semanas, o campus volveuse vestir de gala para despedir a catros novas promocións de titulados, desta volta licenciados en Filoloxía Galega, Administración e Dirección de Empresas, Economía e Bioloxía. Co sol e a calor como convidados de excepción, familiares, amigos e docentes acompañaron a estes 183 novos egresados nos seus actos de despedida da vida universitaria, aínda que dende cada un dos centros se esforzaron en facer fincapé en que está seguirá a ser sempre a súa casa.

Os máis madrugadores foron os alumnos e alumnas das licenciaturas en Administración e Dirección de Empresas e en Economía, que se despediron da vida académica nun acto presidido polo decano do centro, Santiago Gómez Fraiz e ao que asistiu o decano do Colexio de Economistas de Pontevedra, Juán José Santamaría. O padriño destas dúas promocións, 130 licenciados en Administración e Dirección de Empresas e 13 en Economía, foi Enrique Orge, director xeral do Grupo Cuevas que, a través da súa experiencia dende que saíu desas mesmas aulas, animou aos xa titulados a pelexar polo que queren, sexa na parte do mundo que sexa, “ben sexa traballando por conta allea ou ben sendo comezando o voso propio camiño profesional”. Nun salón de actos ateigado, loou a formación que tanto el como os novos licenciados obtiveron na facultade viguesa e destacou que, mesmo nas mellores escolas do mundo, se sentiu como un dos mellores preparados. Dende a súa Redondela natal, a traxectoria profesional de Orge levouno por medio mundo e explicoulles aos seus “afillados” que esa é unha experiencia enriquecedora tanto persoal como profesionalmente, “buscade o voso lugar e sempre teredes oportunidade de volver”.

Adeus a Filoloxía Galega

Íntimo e sentido foi o acto de licenciatura da última promoción de Filoloxía Galega. Fronte a outras titulacións que continúan como grao, esta refúndese nos Estudos de Galego e Español, polo que a promoción 2008-2013 é o peche dunha historia, “unha mágoa perdela”, como recoñecía o vicedecano Xoan Montero. Tanto el como o padriño, o profesor Xosé Antonio Fernández Salgado, recoñeceron que esa derradeira promoción sae á rúa “nunha situación delicada” en moitos aspectos, pero sobre todo para lingua galega. Por iso animaron a estes cinco novos filólogos e filólogas a ser firmes no seu compromiso co idioma propio, a ser perseverantes no traballo e a “estar sempre actualizando os vosos coñecementos”. Para iso destacaron os docentes que “esta facultade sempre será a vosa casa”.

Ademais de agradecer o apoio constante da familia para rematar “esta singradura que comezou hai cinco anos”, o padriño gabou o sentimento que os levou a elixir esta carreira, “o voso amor polas palabras e pola lingua galega, sobre todo cando non corren bos tempos para as humanidades”. Con todo, as recomendacións a estes últimos licenciados pasaron por “ser fortes, valentes e asumir riscos” nesta nova etapa que comeza.

Bioloxía pechou a xornada

A axenda de actos de graduación deste venres pechouna a Facultade de Bioloxía, que licenciou a 32 novos biólogos e biólogas nun acto que tivo como padriños a José Fariña, profesor da facultade, e Daniel Pérez, investigador da empresa biotecnolóxica Nanoimmunotech, padriños da promoción que representaban un claro relevo xeracional, cando o primeiro deles está a piques de xubilarse. Neste acto, no que estivo tamén presente Pelayo Míguez, decano do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e a secretaria xeral da Universidade, Inma Valeije, quíxose facer unha homenaxe non só aos novos licenciados, senón tamén aos seus docentes, a aqueles que formaron todas as promocións dende que no curso 95-96 saíu a primeira á rúa. Aínda que esta facultade graduou a pasada semana a primeira promoción do Grao en Bioloxía, este acto era un fin dunha etapa pero o comezou doutra nova, como explicaba o decano, Jesús Míguez. “En todo este tempo fomos mellorando, innovando e crecendo xuntos, polo que esta última promoción de licenciados seguramente sexa a mellor formada”, recoñecía. Con nostalxia lembrou os comezos do centro e “en tempos grises e de nubarróns sobre toda a función pública quero reivindicar o traballo dos profesores e profesoras que se esforzan por ofrecer o mellor para os seus estudantes e tamén para a sociedade”.

Míguez lembroulles tamén, citando a Saramago, aos 32 biólogos e biólogas de “novo cuño” a importancia da formación continua, de seguir aprendendo sobre todo nun campo como a bioloxía. “Este final é o comezo doutra etapa, con novos obxectivos, seguramente máis ambiciosos, polos que teredes que seguir loitando”.