DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será nas 'V Xornadas de Turismo Enolóxico' que se celebran o 11 e 12 de maio

Adegas e estudantes afondarán no potencial do enoturístico para Galicia

A cita terá lugar en Cambados, no marco da Denominación de Orixe Rías Baixas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 06/05/2011
O viño é un sector de gran potencial para Galicia, pero non só no seu aspecto produtivo. Desde o punto de vista empresarial, conta con moitas posibilidades de explotación turística, tanto para as adegas como para as zonas onde están os viñedos. Para analizar e aproveitar todo este potencial, o Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo celebra os días 11 e 12 de maio as V Xornadas de Turismo Enolóxico. Será en Cambados, terra da Denominación de Orixe Rías Baixas, unha das zonas que máis ten avanzado en Galicia neste eido.

José Antonio Fraiz, director do máster que imparte a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, explica que o obxectivo desta iniciativa é “complementar a formación dos estudantes, achegándoos en persoa a este tipo de turismo e ofrecéndolles a posibilidade de escoitar a destacados expertos na materia”. Ao mesmo tempo, salienta, “é unha oportunidade para que as adegas que se animen a asistir collan ideas e orientacións para desenvolver esta liña de negocio”.

As xornadas, que nas anteriores edicións se fixeron nas catro denominacións de orixe ourensás, celebraranse nesta ocasión en Cambados, tendo como marco de refenza a D.O. Rías Baixas. “En turismo enolóxico en Galicia estanse empezando a dar os primeiros pasos, pero hai que ter en perspectiva o feito de que contamos con moitos recursos complementarios de posible explotación turística, como son os viñedos, as bodegas, a gastronomía local, as edificacións ou a paisaxe, entre outros”, advirte Fraiz.

Conferencias e visitas

Para contribuír ao desenvolvemento deste eido, as xornadas desenvolveranse en dous días de traballo. O primeiro día arrancarán cunha mesa redonda sobre a interrelación da historia dos produtos turísticos e o viño, que contará coa participación de Patricio Sánchez, profesor da Universidade de Vigo; Javier Rodríguez, do Parador de Cambados; Antonio Raluy, de Viños Consentido; Eva Minguez, do Consello Regulador, e un representante do Padroado de Turismo. Tamén se celebrarán dúas conferencias, unha de introdución á cata, a cargo de Antonio Raluy, e outra sobre a creación de marca no mundo do viño, a cargo de Julio Cerviño, profesor da Universidad Carlos III de Madrid.

O segundo día, as V Xornadas de Turismo Enolóxico comezarán cunha conferencia de Ramón Burdeos, técnico da Ruta do Viño Rías Baixas, que exporá a experiencia deste itinerario. Seguiralle unha intervención de Agustín Ruíz, catedrático da Universidad de La Rioja, que falará sobre o enoturismo en España, e outra conferencia de Enrique Pelegrín, responsable de márketing da principal axencia neste eido en La Rioja e Navarra.

Ademais destas conferencias e mesas redondas, os participantes realizarán os dous días de traballo visitas a diferentes lugares de interese enolóxico, como a Adega de Don Olegario e a Adega Martín Códax, onde gozarán tamén dunha cata de viños. Para rematar esta edición das xornadas, o día 12 celebrarase unha visita á lonxa de Cambados e á Ruta do Marisqueo.

Con este amplo e diverso programa, Fraiz destaca que “a universidade quere continuar na liña de abrir as súas aulas e o seu coñecemento á sociedade. Iniciativas coma esta son unha oportunidade excelente para estreitar lazos con institucións, como son neste caso o Concello de Cambados, a Deputación Provincial de Ourense, a propia Denominación de Orixe Rías Baixas e a súa Ruta do Viño, e as adegas que se acheguen ás xornadas”.