DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xornadas de orientación para o emprego dos futuros titulados en Ciencias da Actividade Física e do D

Ademais de opositar, que alternativas laborais me quedan?

O profesor Luis Casáis achegou os últimos resultados sobre a empregabilidade da titulación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 19/05/2011

Facerse un oco na ensinanza pública secundaria cada vez está máis difícil e os futuros titulados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte son conscientes de que deben orientarse cara outras vías de emprego máis aló das oposicións. Para amosar as demais alternativas laborais, o Vicedecanato de Calidade e de Innovación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte organizou as Xornadas de orientación para o emprego e a inserción laboral, nas que se amosaron os distintos “camiños” que poden tomar tras titularse, desde seguir formándose ata exercer a profesión de forma libre como autónomos.

Jorge Viaño, vicedecano de Calidade e de Innovación do centro, explicou que “ata o de agora as oposicións eran a saída máis interesante, pero, a raíz da paralización da oferta de prazas públicas, está diminuíndo o interese”. Neste contexto desde o decanato observaron a necesidade de orientar ao alumnado que proximamente se converterá en egresado nas saídas profesionais que teñen á súa disposición “achegándolles a realidade de como se van atopar o mercado laboral e que así poidan escoller con certa consciencia”.

As xornadas deseñáronse co propósito de incluír “todas as saídas profesionais da titulación”, comentou Viaño. Así profesionais experimentados en distintos sectores do deporte acudiron ao centro para impartir un total de cinco mesas temáticas. As primeiras intervencións fixeron especial fincapé na importancia da especialización e da polivalencia á hora de enfrontar un traballo, falando das titulacións deportivas e dos ciclos formativos, así como da oferta de mestrados. O segundo bloque centrouse no emprego no sector público, “oposicións sobre todo en ensinanza secundaria, pero tamén a opción de ocupar postos públicos de técnicos deportivos en concellos”.

Convértete en personal trainer

As posibilidades laborais no ámbito do rendemento deportivo e na preparación física tamén foron tema de interese, ademais da empregabilidade no sector privado, “podendo encontrar oportunidades en empresas concesionarias ou en outras que ofrecen servizos por elas mesmas, non dependentes de concellos nin de deputacións”. Outro camiño a tomar é o exercicio libre da profesión, “converténdose en autónomos, exercendo, por exemplo, de personal trainers, o que esixe unha colexiación”.

Resultados de inserción laboral dos últimos anos

Durante as xornadas, o profesor Luis Casáis achegou os resultados sobre inserción laboral das promocións anteriores en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. A docencia en educación física para a ensinanza secundaria, “que fora a principal ocupación laboral dos titulados, reflicte unha tendencia descendente significativa”, mentres que os sectores de adestramento deportivo, que sempre estiveran nun segundo nivel, “amosan boas posibilidades de inclusión laboral, pero cunhas condicións precarias, tanto en estabilidade laboral como na oficialidade dos contratos”.

O eido da actividade física e da saúde “presenta na actualidade uns datos de baixa ocupación laboral”, aínda que con tendencias ascendentes “sobre todo na recreación deportiva”. Neste sector, Casáis recoñeceu a existencia de “altas taxas de subemprego, condicionado pola deficiente regulamentación laboral que obriga a confluír técnicos, monitores e titulados en misións que non están de todo ben definidas”. Por último, tamén se referiu ao sector privado, “no que o autoemprego comeza a ser un forte núcleo de interese laboral e un dos principais retos de futuro a curto prazo”.