DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun congreso internacional promovido pola UVigo, o Concello e as federacións española e galega

Adestradores de 17 países achéganse en Pontevedra aos últimos avances na preparación de piragüistas

Coa participación de preto de 250 técnicos e profesionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 28/10/2022

Nas tres últimas edicións dos Xogos Olímpicos, o piragüismo foi a disciplicina na que máis medallas acadou o deporte español. Un dos factores clave destes éxitos, alén do propio talento e capacidade de superación das e os piragüistas, é o traballo dos seus adestradores e adestradoras. Mellorar a súa formación, achegándolles as últimas innovacións científicas e novos métodos de adestramento, é precisamente o obxectivo do VIII Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas, que desde este venres reúne en Pontevedra preto de 250 técnicos e profesionais chegados de dezasete países. Organizado pola Real Federación Española de Piragüismo (RFEP), a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, o Concello e a Federación Galega de Piragüismo, trátase dun congreso de carácter bienal, que ten lugar por primeira vez en Pontevedra. Organizado coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, reúne no seu programa un total de 28 conferencias, mesas de debate e talleres, impartidos por “técnicos de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional”, como salienta o presidente do seu comité organizador, o profesor Manuel Isorna.

De carácter bienal, este congreso iniciou a súa andaina en Catoira en 2004, onde desenvolveu as súas sete edicións previas, antes de trasladarse neste 2022 ao Pazo da Cultura de Pontevedra. Conferenciantes de España, Portugal, Noruega, Hungría, Alemaña, Bélxica, Italia, Gran Bretaña e Eslovenia participan entre este venres e o domingo na oitava edición deste foro académico centrado na preparación de piragüistas para as modalidades de augas tranquilas, pero que á súa vez é tamén o II Congreso Internacional de Slalom, disciplina na que se centran oito relatorios, e o I Congreso Internacional de Kaiak Polo, modalidade que se incorpora por primeira vez con catro conferencias especificas. “Está a ser a edición con máis éxito, sen lugar a dúbidas”, sinalou Isorna tras a inauguración deste congreso, na que interviron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete; o presidente da RFEP, Javier Hernanz; o decano de Ciencias da Educación e do Deporte, Óscar García; o deputado provincial Gorka Gómez, e o secretario da Federación Galega de Piragüismo, Félix Lamas.

Éxitos aos que contribúen deportistas, adestradores, investigadores...

A inauguración deste congreso viu marcada polo accidente sufrido pouco tempo antes no río Lérez por un piragüista, desaparecido tras envorcar a súa embarcación, como explicou Fernández Lores, que lamentou que este fose “un mal día” par dar inicio a este foro internacional. O alcalde reivindicou Pontevedra como “a cidade do deporte”, despois de que Lete sinalase Galicia como “un referente mundial” no que á práctica deportiva se refire. O representante do Goberno galego destacou a este respecto que nos xogos de Tokio “unha de cada tres medallas” obtidas por España “tiña acento galego” e que máis do 87% das e os deportistas da comunidade que competiron nos Xogos Paralímpicos acadaron un diploma olímpico. “Neste éxito do deporte galego, ten moito que ver o piragüismo”, engadiu Lete, que lembrou que Galicia convertíase recentemente na comunidade “líder en número de licencias, con máis de 6000, e de clubs". 

Un dos factores do éxito destes deportistas, engadiu Hernanz, é que o piragüismo español conta hoxe en día “con algúns dos mellores adestradores do mundo”, aspecto no que ten “gran parte da culpa este congreso”, subliñou. O presidente de federación puxo o acento na importancia que ten a formación dos equipos técnicos para a mellora desta disciplina, aspecto no que tamén incidiu o decano de Ciencias da Educación e do Deporte. “Probablemente este deporte ten cada vez máis éxito grazas ao adestramento científico”, salientou Óscar García, que puxo de relevo a importancia da investigación neste deporte. De aí que abrise a súa intervención convidando aos asistentes a visitar unha facultade que conta con formación específica en piragüismo e na que “nos últimos anos conseguimos ir xerando certo coñecemento para mellorar os procesos de adestramento nos piragüistas".

Da análise dos Xogos Olímpicos á perspectiva de xénero

A análise dos avances técnicos e tácticos observados na edición máis recente dos Xogos Olímpicos constitúe en cada edición un dos piares deste congreso, que na mañá deste venres abría unha conferencia centrada nos xogos de Tokio da seleccionadora británica de paracanoe, Hannah Brown. O presente e futuro do piragüismo na cita olímpica será así mesmo o eixo da conferencia que impartirá o presidente da Federación Internacional de Piragüismo (ICF), Thomas Konietzko, na xornada do sábado, na que tamén se porá o foco na preparación psicolóxica dos deportistas olímpicos, mentres que o domingo o congreso contará coa participación dun campión olímpico como é o médico británico Tim Brabants, que impartirá un relatorio titulado Podium, pacientes e rendemento

Os novos modelos de planificación do adestramento, as novas técnicas de traballo e as innovacións referidas á preparación dos deportistas serán outro dos eixos deste congreso, que contaba esta mañá coa participación do profesor da universidade norueguesa de Agder Stephen Seiler para falar da “planificación inversa”, un novo método de traballo con estes deportistas. Asemade, unha das novidades deste congreso, xunto coa incorporación do slálom, é importancia que a organización outorgou á perspectiva de xénero. Con ese obxectivo, acolle, entre outras, conferencias como a que a adestradora do equipo nacional húngaro Katalín Szilardi centrará na evolución do papel da muller neste deporte; ou unha mesa sobre ciclo menstrual e rendemento deportivo en atletas de elite, na que participarán este sábado a triatleta olímpica Ana Burgos e o profesor da Universidad Politécnica de Madrid Alberto García Bataller.