DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase o 10, 11 e 12 de outubro

Adestradores e estudantes afondarán nos avances técnicos en piragüismo nun congreso na vila de Catoira

Contarase coa presenza de recoñecidos profesionais desta disciplina deportiva

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 29/04/2008

Co obxectivo de proporcionar aos profesionais do piragüismo e aos estudantes de Ciencias da Actividade Física e do Deporte unhas xornadas nas que pór ao día os seus coñecementos sobre esta especialidade, a Universidade de Vigo e o Club As Torres – Romería Vikinga de Catoira están a organizar o II Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas que se celebrará neste concello pontevedrés o vindeiro mes de outubro.
Nesta segunda edición perséguese facilitar aos asistentes unha actualización dos avances técnicos e tácticos que van aparecer nesta disciplina en Pekín 2008 e, segundo explicou o responsable da organización, Manuel Isorna, “potenciar as relacións entre o traballo dos equipos existentes na nosa comunidade e a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra”, comentou na presentación do congreso. Ademais, o presidente desta iniciativa subliñou que nesta ocasión “reunirase aos mellores profesionais de España e Portugal para coñecer os diferentes xeitos de traballar de ambos países”, explicou Isorna.
Precisamente entre os nomes máis coñecidos os organizadores destacaron ao adestrador do equipo de Gran Bretaña, Alexander Nikanorov; o encargado da selección española de canoas, Raúl Tamayo Hilario e os españois Jesús Cobos Téllez, director técnico da Federación Balear; Fernando Alacid Cárceles, profesor de Piragüismo da Universidade de Murcia e José Alfredo Bea, adestrador nacional de augas tranquilas e que xa participou ao longo da súa traxectoria en catro xogos olímpicos.
No acto de presentación, Isorna estivo acompañado pola delegada provincial de Deportes da Xunta de Galicia, María Xesús López Escudeiro; o decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, José María Cancela Carral; o responsable da comisión informativa de Deportes da Deputación de Pontevedra, Enrique Sotelo Vilar; o concelleiro de Deportes de Catoira, Ramón Bouzas e o presidente do club de piragüismo As Torres- Romaría Vikinga, Andrés Castaño Conde. Todos eles destacaron o importante labor que se está a facer nesta disciplina deportiva e, tal e como explicou López Escudeiro, “en Galicia estamos a vivir un momento moi importante para o piragüismo, por iso é imprescindible contar con iniciativas deste tipo que fomenten e axuden á formación dos nosos profesionais”, destacou a delegada na súa intervención.

Unha vía para dar un pulo á investigación no eido deportivo

Outro dos propósitos que perseguen os organizadores da segunda edición do Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas, é o de fomentar a investigación no eido deportivo, para o que propoñen algunhas vías de actuación dentro do programa do simposio. A principal ferramenta para dar ese pulo ao mundo científico dentro da educación física é a realización de mesas de traballo ao longo do evento nas que participen activamente os estudantes e os profesionais, ademais de convocar un concurso de comunicacións orais e pósteres co aliciente dun premio en metálico, “para animar a todos os alumnos da facultade a participar”, comentou o encargado da actividade, Manuel Isorna. Todos os traballos deberán presentarse antes do 22 de setembro e a notificación de aceptación ou rexeitamento farase ao autor principal o día 1 de outubro. O comité organizador outorgaralle un premio de 200 euros á mellor comunicación e de 100 euros ao póster máis destacado.