DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os técnicos avogan por unha preparación integral de todas as capacidades, alén das físicas

O "adestramento global" centra a segunda xornada do III Congreso de Ciencias do Deporte

José Antonio Arruza, da Universidade do País Vasco, impartirá a comunicación especial da última xorn

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 07/05/2010
A segunda xornada do III Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e Actividade Física estivo dedicada á análise dos tipos de adestramento tanto en deportes colectivos como individuais. Abriu a quenda de intervencións Antonio Bores Cerezal, preparador físico do Xacobeo Lobelle e da selección española de fútbol sala, quen subliñou a importancia de traballar de maneira global, atendendo a cuestións físicas, pero tamén psicolóxicas e da contorna contextual do equipo, sempre tendo claro que todo está supeditado aos resultados na competición.
Ne mesma liña falará esta tarde Ramón Riverola, doutor pola Universidade de Barcelona e preparador físico do FC Barcelona de Hóckey sobre patíns, que trazará os eixos para a planificación do adestramento en deportes colectivos. Pola súa parte, o profesor da Universidade de Vigo Emerson Ramírez fará o mesmo para os deportes individuais. Completan as conferencias da xornada Mariano García-Verdugo, responsable de medio fondo da Real Federación Española de Atletismo, e Isidoro Hornillos, profesor da Universidade da Coruña. Abordarán, respectivamente, o adestramento da capacidade aeróbica e das forzas máxima e explosiva. Como peche, os relatores participarán nunha mesa redonda para debater sobre o respaldo dos deportistas por parte de profesionais e institucións.

Deseño de metodoloxías propias para cada equipo

Na súa conferencia, Antonio Bores insistiu en que na preparación física en equipo nunca se deben traballar aspectos illados, agás en casos excepcionais como as lesións. Ao mesmo tempo, lembrou que o traballo físico non é o esencial e remarcou a importancia das cuestións psicolóxicas. “Un xogador pode estar en moi boa forma, pero se ten un problema persoal xa non vai afrontar de igual modo o partido”, sinalou ao respecto.
Definiu a preparación física como un traballo global e integral das capacidades cognitivas, condicionais e coordinativas de todo o equipo. Para isto considera fundamental ter clara a materia prima, “pois o adestramento ten unha incidencia nula nas aptitudes xenéticas”. Así mesmo, aconsellou fuxir de receitas e de manuais e deseñar metodoloxías propias adecuadas a cada conxunto. Iso si, “non serven os adestramentos espectaculares sobre papel, senón que só a posta en práctica é o que ten efecto e orixina adaptacións nos xogadores”.

Presentación de estudos e investigacións

A xornada comezou cunha sesión de presentación de diferentes traballos de investigación de temáticas variadas, na que participaron representantes de múltiples universidades, desde as de Vigo e A Coruña, ata as de Barcelona, Valencia, Murcia, Las Palmas de Gran Ganaria ou São Paulo. Entre outros, amosouse un estudo das esixencias físicas dos músicos profesionais, outro sobre a composición corporal das mulleres canoístas, un máis sobre a importancia das aletas en salvamento acuático profesional e un cuarto de análise dos parámetros temporais en tenis de mesa de alto nivel. Destacou tamén o titulado Valoración e correspondencia entre execución deportiva, influencia social e percepción da ansiedade en deporte de iniciación.
Mañá desenvolverase no Pazo de Cultura a última xornada do congreso, coa comunicación especial de José Antonio Arruza, profesor da Universidade do País Vasco, titulada Un modelo de Observatorio provincial do deporte: o caso Kirolbegi. Nos relatorios restantes abordaranse temáticas de interese como as pautas nutricionais en nenos deportistas, a influencia da familia na práctica deportiva e a organización de eventos.