DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Falece o escritor mexicano Carlos Fuentes, Honoris Causa pola Universidade de Vigo en 2001

Adeus ao cosmopolita intérprete da realidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría e M.Del Río DUVI 16/05/2012

“Non hai progreso sen información, non hai información sen coñecemento e non hai coñecemento sen educación”. Reflexións deste calado inzaron o discurso de investidura do escritor mexicano Carlos Fuentes como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Corría o ano 2001 e o entón premio Cervantes e Príncipe de Asturias falecido nas últimas horas a idade de 83 anos, deixaba patente na súa alocución na Facultade de Filoloxía e Tradución o seu cosmopolitismo e progresismo entendido como defensa dos dereitos humanos, da liberdade de expresión e da xustiza social. A ese compromiso e á insistencia en interpretar a realidade, alude quen foi o seu padriño na investidura, o director do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura, Miguel Ángel Candelas Colodrón que tras coñecer o seu pasamento asegura que “a perda é maior no caso de Carlos Fuentes xa que a súa faceta de narrador cómpre engadir a de intelectual pendente de opinar e interpretar a realidade que o rodeaba”.

Nacido en 1928 en Panamá, Carlos Fuentes licenciouse en Dereito e Economía e desde moi novo, por tradición familiar, estivo vinculado ao mundo diplomático desempeñando o cargo de embaixador do seu país en Francia entre os anos 1972 e 1976. Promotor de innumerables proxectos culturais e por suposto escritor de todo tipo de xéneros literarios desde o artigo xornalístico, ao ensaio e do relato breve á novela. Unha produción “de extraordinario valor literario”, aseguraba o reitor da Universidade de Vigo, Domingo Docampo, no acto de investidura de Fuentes no que tamén recoñeceu “o seu compromiso e co compartimos a preocupación por un continente ao que nos sentimos os galegos especialmente vinculados, América Latina”.
De latinoamericano, pero sobre todo de home universal exerceu o escritor mexicano durante toda a súa vida na que fixo gala dun trazo que ía no seu caso máis alá do físico: a elegancia. “Chamaba a atención polo seu coidado vestir” asegura Candelas “pero era unha elegancia que tamén despregaba no trato coas persoas coas que lonxe de amosarse distante, era amable e xeneroso”.

Obras que explican as contradicións do mundo

Cuns inicios literarios máis centrados na realidade mexicana e dos que é boa mostra, segundo Candelas Colodrón, “a complicada” La muerte de Artemio Cruz, Fuentes evoluciona cara a “obras máis fáciles de ler, pero non máis compracentes e nas que aínda que a acción se desenvolva en México é quen de estender a problemática dese país a calquera outro. É una literatura de alcance universal que explica as contradicións do mundo”.

Contradicións, por exemplo, entre as ciencias e as humanidades ás que Fuentes aludiu no seu discurso de investidura como Honoris pola Universidade de Vigo, asegurando que “non é posible separar as ciencias e as humanidades da intelixencia, pero si isto é certo, entón tampouco é posible separalas da palabra”. Na súa alocución Intelixencia, saber e palabra, o escritor mexicano ademais de demandar que non se perda a unidade nacional propia “nin a nosa fraternidade iberoamericana compartida, a fin de acadar, ao cabo, unha posición internacional xenerosa e aberta, sen chovinismos nin xenofobias”, realizou unha defensa pechada da educación pública. “A educación en todas partes, require un proxecto público que a apoie. Pero o proxecto público require a cooperación do sector privado, que sen un proxecto público acabará marxinando aos seus posibles consumidores, toda vez que non é concibible en ningunha parte do mundo maior produción sen maior educación, nin mellores niveis de vida sen ambos”.

E no punto máis alto da pirámide da educación situou Fuentes ás universidades que cualificou de “ponte entre a nación e o mundo, entre os valores locais e os valores universais. Esta á mensaxe da universidade para o mundo hoxe. Ninguén perde coñecementos se os comparte”, aseguraba o escritor que aseguraba que as institucións académicas están chamadas a mediar entre culturas, desafiando prexuízos e “aumentando a nosa capacidade de dar e recibir e a nosa intelixencia para entender o que nos é alleo”.