DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do programa Delecer 2008

O aeródromo de Palmeira acollerá esta fin de semana o curso de paracaidismo

Organizado polo Servizo de Deportes en colaboración co Club Galsur

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 25/04/2008

O aeródromo de Palmeira, en Braga, acollerá esta fin de semana o curso de paracaidismo que o Servizo de Deportes, en colaboración do Club Galsur, pon a disposición da comunidade universitaria dentro do programa Delecer 2008. “A actividade está dirixida a persoas que desexen realizar un primeiro achegamento a este deporte, e por iso se realiza o salto un modalidade tándem”, tal como afirma David Fernández, un dos monitores do curso.
Tras recibir unha breve explicación teórica, os participantes realizarán un salto a 3500 metros de altura, de modo que acadarán unha velocidade de 200 km/ aproximadamente. “O paracaídas ábrese aos 1500 metros para garantir a seguridade, xa que nun salto normal abriríase máis preto do chan”, segundo comenta o monitor, que engade que “isto fai que a caída libre, na que se recorren uns 2000 metros, dure máis de 40 segundos”.
Para tranquilizar aos que poidan albergar dúbidas acerca da seguridade, David Fernández afirma que “non se corre ningún risco, xa que os instrutores están altamente cualificados e durante o salto van acompañados por un ordenador que abre automaticamente o paracaídas no caso de que haxa algún problema”.

Galicia precisa instalacións para os deportes aéreos

“Temos que desprazarnos ata o aeródromo de Palmeira, no país veciño, porque en Galicia non existen instalacións axeitadas para a práctica de deportes aéreos”, apunta Fernández, que, deste xeito, reclama a creación de infraestruturas que sitúen o sur da nosa comunidade ao nivel doutras zonas de España. “Ademais, as nosas rías son un lugar idóneo para o paracaidismo”, continúa.