DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os expertos internacionais máis relevantes en filoxenómica celebran hoxe un encontro en Vigo

Afondando nos misterios da árbore da vida

Organizado polo Grupo de Filoxenómica da Universidade, baixo a dirección de David Posada

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 13/09/2012

Os científicos máis relevantes do panorama internacional danse cita hoxe en Vigo para compartir avances e perspectivas da filoxenómica, a disciplina que se encarga do estudo do xenoma desde unha perspectiva evolutiva. A Computional and Statistical Phylogenomics Meeting que durante toda a xornada se celebra no Centro Social Caixanova, é unha iniciativa do Grupo de Filoxenómica da Universidade de Vigo que dirixe o catedrático David Posada e que contou para a súa celebración con fondos do propio grupo procedentes dun proxecto de investigación do European Research Council (ERC) e cunha achega da International Biological Sciences (IUBS). “Neste encontro no que participa a flor e nata da investigación en filoxenómica computacional e estatística, tratamos sobre a reconstrución das relacións evolutivas entre xenes e organismos a partir de datos xenómicos e do uso destas relacións, que representamos a modo de árbore, para estimar parámetros poboacionais e contrastar hipóteses e modelos sobre a evolución das especies”, explica David Posada.

Procedentes na súa maior parte de EEUU, así como de Australia, Bélxica, Francia, Suecia, Canadá, Alemaña, Reino Unido e España, os científicos que participan no encontro, ademais de compartir os avances que se teñen rexistrado no ámbito da filoxenómica, abordarán as perspectivas cara á identificación de posibles solucións aos problemas que se formulan. “Problemas que pasan por como analizar cantidades inxentes de datos con rigorosidade matemática e estatística, mediante implementacións computacionais áxiles e contestando de xeito realista preguntas de interese biolóxico”, sinala Posada que incide na dificultade que entraña de compartir detalles conceptuais e técnicos, “salvo que sexa en persoa. E ese é o noso obxectivo fundamental: atoparnos para compartir ciencia”.

Presente saudable e futuro aínda máis interesante

As achegas procedentes de diferentes campos como bioloxía, informática, matemática e estatística, que continuamente producen novas ideas e desenvolven novos métodos de análise moi sofisticados, permite, segundo Posada, que a filoxenómica goce “dun presente moi saudable”. Pero se bo é o momento actual, “o futuro aínda resulta máis interesante”, afirma o catedrático da Universidade de Vigo, “debido á explosión de datos xenómicos á que asistimos que garante a necesidade de desenvolver novos métodos e técnicas de análise filoxenómica de xeito constante. E non nos esquezamos que cuestións básicas da árbore da vida, como a orixe dos animais, aínda non foron resoltas”, explica Posada.

O catedrático da Universidade de Vigo, primeiro en acadar a Starting Grant da UE e autor de tres dos cinco artigos máis citados feitos en Galicia, dirixe o grupo de Filoxenómica que centra o seu traballo na estimación da historia das especies a través da historia dos diferentes xenes do xenoma mediante a aplicación de modelos matemático-estatísticos a datos reais.