DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sir Gregory Winter visitará Vigo en 2013 para colaborar co Instituto de Investigación Biomédica

África González, man a man cos premios Príncipe de Asturias de Investigación Científica

A catedrática participou nun almorzo ao que foron convidados un selecto grupo de expertos en inmunol

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 25/10/2012
A catedrática e directora do Centro de Investigación Biomédica de Vigo África González tivo esta semana a oportunidade de compartir, xunto a outros once expertos nacionais en inmunoloxía, un almorzo de traballo cos dous científicos galardoados este ano co Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica, Gregory Winter e Richard A. Lerner.

Por espazo de hora e media, Winter e Lerner intercambiaron impresións cos investigadores españois sobre asuntos de máxima actualidade no seu campo, tales como o futuro da tecnoloxía aplicada ao desenvolvemento de anticorpos ou a posibilidade de que estes sexan eficaces en patoloxías intracelulares. “Para min é un orgullo ter sido elixida para asistir ao encontro e poder compartir este tempo con eles”, admitiu xa de volta no campus a catedrática viguesa, ao tempo que explicou que ambos investigadores amosaron o seu interese á hora de procurar información sobre os avances que poden facerse para lograr que os anticorpos sexan o recurso empregado para garantir a tolerancia aos enxertos.

Winter asesorá aos investigadores do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo

O balance do encontro, que se celebrou este mércores na Universidade de Oviedo, non pode, a xuízo da catedrática viguesa, ser “máis positivo” xa que ademais de darlle a oportunidade de intercambiar opinións con dous baluartes do campo da inmunoloxía abriu as portas para que o vindeiro ano Sir Gregory Winter visite a Universidade de Vigo e colabore coa comunidade científica viguesa na posta en marcha do Instituto de Investigación Biomédica.

A visita realizarase ao abeiro do proxecto Biocaps, que se porá en marcha o vindeiro mes de febreiro e que terá unha duración de tres anos e medio, un tempo no que o instituto vigués será titorizado polos centros europeos máis prestixiosos, entre eles o Laboratorio de Bioloxía Molecular do Medical Research Council da Universidade de Cambridge, onde desenvolve o seu traballo Sir Gregory Winter “e con quen vai a haber un intercambio continuo de investigadores”.

“Para a Univesidade de Vigo vai ser un privilexio poder contar cunha figura como a de Greg Winter”, subliñou África González, que se referiu a Winter, ademais de como autor de múltiples artigos científicos, como posuidor de varias patentes e impulsor de varias empresas biotecnolóxicas “e o máis importante é que os anticorpos que el fixo están agora mesmo en clínica, o que significa que moitos pacientes se están a beneficiar do traballo que el fixo”, explicou a catedrática viguesa, ao que engadiu que “é un exemplo clarísimo a seguir e proba clara de que o que se fai no laboratorio básico pode logo chegar ao paciente”.

Discípulo de César Milstein, Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo

A figura de Greg Winter está íntimamente asociada a do Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo César Milstein, bioquímico arxentino e “mentor científico” de Winter.

“Uníaos non só traballar no mesmo centro senón unha afinidade temática, “o seu traballo no campo dos anticorpos”, unha visión moi práctica e, por riba de todo, un enorme aprecio”, apunta África González.