DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Membros da asociación presentaron os seus proxectos na Facultade de CC Sociais e da Comunicación

Agareso anima aos futuros xornalistas a apostar pola información social e solidaria

Abriron as portas ao alumnado para realizar prácticas con eles ou colaborar a iniciativa persoal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 18/03/2010

A voracidade, a velocidade, a avaricia e o individualismo poden ser tres elementos clave do sistema social actual. Isto tradúcese na ignorancia e o silenciamento de moitas problemáticas –situacións de desigualdade, vulneración dos dereitos humanos, pobreza, desastres medioambientais... –, tanto pola propia sociedade como polas autoridades responsables. Moitos medios de comunicación, inseridos na súa particular guerra de vendas, exclusivas, intereses políticos e económicos acaban reflectindo e contribuíndo a afianzar esa realidade. Os membros de Agareso (Asociación Galega de Reporteiros Solitarios), moitos deles xornalistas en activo en diferentes medios, coñecen ben esa situación e tentan cambiala desde dentro, pero tamén con iniciativas desde fóra. Quizais non abonden outras maneiras de garantir un medio de vida, pero si saben que hai alternativas para exercer a profesión con dignidade, tanto polo propio reconforto persoal como polo compromiso social que debe manter o xornalismo.
Con esa vocación naceu Agareso e coa intención de explicar os seus obxectivos concretos e amosar os seus proxectos, algúns dos seus representantes impartiron hoxe unha conferencia na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, baixo o título A comunicación para o desenvolvemento. Juan de Sola, Roi Palmás, Montse Fernández, Estrella López e Pelu Vidal trasmitíronlles ao alumnado a importancia de facer unha información responsable, respectuosa coas persoas e de calidade, alternativa á dos medios convencionais. Con ese ánimo abriron as súas portas á sinatura dun convenio de prácticas coa facultade e a calquera outra colaboración mesmo a título persoal.

Programa de prácticas para fomentar a comunicación social

O presidente da asociación, Juan de Sola, manifestou o seu compromiso para confeccionar conxuntamente co centro un programa de prácticas accesible para o alumnado. “Convídovos a facer voso este proxecto”, sinalou, animando tamén aos estudantes a colaborar nas canles de radio e televisión e nos múltiples blogs que teñen na rede, así como a participar nos seus talleres de formación.
“A comunicación ten que contribuír a construír unha sociedade mellor, pero malamente se pode facer na comunicación mercantilista na que estamos”, sinalou De Sola. Ao seu ver compre buscar un espazo de comunicación solvente para aquilo que é ignorado, polo que, dixo, “Agareso busca ser un referente na comunicación social e na cooperación para o desenvolvemento”.

Visibilizar problemáticas sociais e o labor da ONGs

Montse Fernández presentou Agareso como “unha asociación sen ánimo de lucro, laica e apolítica”, da que forman parte xa 80 persoas de todos os ámbitos da comunicación (xornalistas, fotógrafos, cámaras de televisión, realizadores, deseñadores, documentalistas...), con correspondentes en toda Galicia. Sinalou que os seus obxectivos son visibilizar e concienciar sobre problemáticas sociais esquecidas e sobre os máis desfavorecidos, e tamén dar a coñecer o labor das ONGs. “Sempre se cuestiona ás ONGs sobre o destino que lle dan ao diñeiro que reciben, pero nós queremos amosar que tamén se fan moi bos proxectos con eses cartos”, sinalou.
Fernández quixo tamén facer un chamamento para promover un xornalismo máis social nos medios convencionais e nese sentido destacou que están poñendo en marcha un programa de formación dirixido a xornalistas en activo para inculcar un tratamento correcto dos temas sensibles. Entre outros proxectos da asociación en Galicia, citou os desenvolvidos con Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) e co Centro Penitenciario da Lama, onde puxeron en marcha unha radio e imparten obradoiros de radio, fotografía e televisión. Por último, Montse Fernández animou ao estudantado a “procurar facer unha información con tintes sociais e de solidariedade cando se integren no mundo laboral”.

Experiencias na cooperación internacional: Tánxer e o Golfo de Fonseca

No relativo á cooperación internacional, Roi Palmás describiu o proxecto realizado a través do programa Xanela Aberta ao Sur de Amarante en Tánxer sobre a situación das mulleres, en particular sobre as maquilas do téxtil, unha situación de explotación fomentada polas empresas occidentais, e sobre as nais solteiras nun ámbito rural. “Fomos a aprender e a empaparnos”, sinalou, destacando a importancia de actuar con respecto e humildade. “Non por ser xornalista, europeo ou cooperante che van abrir as portas e están moi fartos dos xornalistas que buscan sensacionalismo”, afirmou. Subliñou tamén o labor da súa contraparte alí, “dous colectivos incómodos, que fan un labor encomiable para dotar de ferramentas ás mulleres co fin de dignificar a súa situación profesional e laboral”. Rompeu tamén unha lanza en favor das ONGs e do seu traballo que dixo “só saen na prensa por escándalos e secuestros, pero estanse facendo cousas brillantes”. Así mesmo, insistiu en que non é preciso facer quilómetros para visibilizar problemáticas, senón que hai moito traballo por facer aquí mesmo.
Pola súa parte, Estrella López, relatou a experiencia de Agareso no Golfo de Fonseca, un entrante protexido do Océano Pacífico, paso fronteirizo entre Nicaragua, Honduras e El Salvador e, polo tanto, cunha forte presión da contaminación. “Todo vai parar ao mar, plásticos, os herbicidas que botan nos campos... e están destruíndo o manglar, con graves consecuencias para a pesca”, explicou. En canto ao desenvolvemento do traballo, falou da importancia de contar con imprevistos e como cuestións alleas a un proxecto poden paralizar a súa execución. Referiuse en concreto aos movementos de Manuel Celaya, o presidente deposto de Honduras, polo que estiveron retidos na fronteira de Nicaragua varios días. “Saímos na prensa polo morbo que supuxo iso, pero non se falou nada do noso proxecto”, lamentou.
Finalmente, o fotógrafo Pelu Vidal, que traballa como freelance, aludiu ás limitacións que supón traballar na prensa diaria no seu eido. “Tes que resolver unha reportaxe nunha hora, mentres que o que facemos en Agareso dá a posibilidade de traballar en profundidade e mellores condicións”. Amosou dúas montaxes, unha con reportaxes de varios proxectos e outra sobre a acollida en Galicia de nenos saharauís. Os traballos fotográficos da asociación adoitan difundirse con exposicións itinerantes e moitos deles poden verse na súa propia web e nos seus blogs.