DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa gravación dun programa radiofónico, no que participou profesorado e estudantado

Agareso leva a Facultade de Comunicación un debate sobre os estereotipos asociados á poboación migrante

A ONG impartirá tamén no centro o curso ‘Comunicar para o cambio’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cooperación
  • Cultura
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Pontevedra 30/01/2024

Debater sobre os imaxinarios e estereotipos asociados á poboación migrante e conversar con alumnado e profesorado “sobre a responsabilidade que temos á hora de comunicar a experiencia” desta poboación. Estes son, como sinalan desde a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), os obxectivos do programa radiofónico gravado na tarde deste martes na planta baixa da Facultade de Comunicación e que constitúe unha nova entrega do seu podcast Castañas no verán. Realizado por voluntariado desta ONG, cuxa traxectoria nos ámbitos da solidariedade e da cooperación era recoñecida o pasado mes nos IV Premios Consello Social-UVigo Humana, esta iniciativa insírese na colaboración que Agareso mantén coa Facultade de Comunicación, que neste 2024 acollerá por primeira vez o Curso de Especialización en Comunicación para o Cambio Social, que promove esta organización.

Castañas no verán é un programa mensual que xurdiu como iniciativa do propio voluntariado e no que se traballan temáticas de carácter social moi diversas”, sinala Uxía Pérez, técnica de proxectos de Agareso. Trátase dun espazo radiofónico que nesta xornada trasladaban á facultade coa idea tanto de debater co alumnado como de “intentar achegarlles un pouco ás posibilidades da comunicación como ferramenta para o cambio social, para que vexan o que se pode facer neste ámbito”. Xunto a Pérez, o programa foi realizado pola coordinadora de Castañas no verán, Verónica Couto, e polos voluntarios Javier Ramos, Lucía Rodríguez e Marta Tiago, e contou tamén coa participación da decana da facultade, Emma Torres. 

O programa serviu así mesmo para dar a coñecer a XIV edición do curso Comunicar para o cambio, que Agareso desenvolverá por primeira vez na facultade pontevedresa entre o 26 de febreiro e o 20 de marzo. Estruturado en catro bloques de contidos, centrados no discurso do odio, LGTBIQ+, medio ambiente e migración, trátase dun curso que ten na comunicación o seu fío condutor e que está principalmente destinado tanto a estudantes e profesionais deste eido como a persoal de organizacións do terceiro sector.