DUVI

Diario da Universidade de Vigo

23 da XVI promoción da enxeñaría e 37 dos dous mestrados que se imparten no centro

Agarimosa despedida ás novas promocións en Enxeñaría de Minas

A lección maxistral correu a cargo dun ex- alumno, agora responsable de Explotación de Gas Natural F

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 15/07/2013

Moitos están xa traballando, outros agardan poder empezar a facelo en breve. A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas celebrou o pasado venres o acto de graduación de 23 novos titulados e tituladas, integrantes da XVI promoción da escola, de 18 alumnos do mestrado en Tecnoloxía Medioambiental e os 19 do mestrado en Tecnoloxías para a Protección do Patrimonio Cultural Inmoble. En total 60 profesionais aos que darlles os parabéns por “un éxito formativo para vós e, ao mesmo tempo, un logro estratéxico singular e esencial para o noso país”, subliñoulles o director da escola, José Benito Vázquez Dorrío, que tivo tamén palabras de agradecemento para as autoridades e para os numerosos familiares que asistiron ao acto, celebrado no paraninfo do edificio da Alcaldía “o que permite, si cabe, vincular máis á escola coa súa cidade”, engadiu Vázquez Dorrío.

Foi un acto sinxelo no que os novos egresados recibiron os consellos dun antigo alumno do centro, Roberto González Philippon, director facultativo de Limeisa e responsable de Explotación de Gas Natural Fenosa, que foi o encargado de impartir unha lección maxistral na que detallou as actuacións da compañía para a recuperación dos terreos afectados pola explotación da antiga mina de lignito en Meirama (Cerceda), no futuro convertido nun reservorio de auga para a cidade da Coruña.

O proxecto, que conta cun orzamento de 60 millóns de euros, consiste na creación dun gran lago artificial de 150 hm3, que estará rematado en 2015, así como a reforestación dos terreos e das zonas de depósito dos cascallos da mina. Na súa intervención, o antigo egresado pola escola viguesa destacou a importancia que este lago mineiro ten, tanto para o desenvolvemento económico e turístico da zona como, como pola boa calidade das súas augas e o potencial subministrador para a área metropolitana da Coruña.

“Navalla suíza da enxeñaría”

Tamén lle deron unha agarimosa despedida a esta nova xeración, Jose Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento; Raquel Díaz, concelleira de Economía, Facenda e Contratación; Mª José Mijares, subdirectora xeral de Recursos Mineiros da Xunta de Galicia; e Juan José Fernández, decano-presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España. De todos lles chegaron boas palabras e o desexo de que o futuro lles permita traballar como profesionais nalgún dos múltiples campos nos que a súa formación ten cabida: enerxía segura, limpa e eficiente; acción polo clima, eficiencia de recursos e materias primas; protección do patrimonio cultural; tecnoloxías medio ambientais... “Que no futuro os vosos coñecementos vos convertan na navalla suíza da enxeñaría e vos faciliten a adquisición de novas competencias que aínda están por definir nun proceso de formación continua que agora é inevitable”, subliñoulles o director da escola.