DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Campo Vidal inaugura o curso de comunicación para investigadores e docentes de Campus do Mar

O agasallo de comunicar

O xornalista analizou a importancia e principais erros do proceso comunicativo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 03/07/2012

É un dos xornalistas máis coñecidos e respectados do panorama nacional. Sociólogo e enxeñeiro de carreira, aínda que recoñecido publicamente polo seu labor xornalístico, Manuel Campo Vidal foi o encargado hoxe de inaugurar o curso A comunicación na aula: aprender para ensinar organizado por Campus do Mar co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo coa finalidade, segundo a súa coordinadora, a profesora Inmaculada Anaya de “dotar aos investigadores e docentes das ferramentas necesarias para unha boa comunicación”. Xunto a Campo Vidal, Roberto García Carbonell, Pablo Castejón Ruiz, Álvaro Gómez, Fernando Ramos, Begoña Jamardo e a propia Inmaculada Anaya, serán os encargados durante este martes e mércores de desvelar aos asistentes as claves para mellorar a comunicación entre docente e alumno, “algo imprescindible”, segundo puxo de manifesto o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato na apertura do curso no que tamén incidiu en que “cómpre abrir a mente e se quen de emocionar á hora de transmitir coñecementos”.

Exemplo, en palabras de Inmaculada Anaya, de “rigor, empatía e humildade”, Campo Vidal afondou na súa intervención nas claves para comunicar eficazmente , entendendo a comunicación como “un agasallo que como tal debe ser coidado e perfectamente presentado”. Adolfo Suárez, Jordi Pujol e Felipe González foron citados en varios ocasións polo xornalista como exemplo de bos comunicadores, en especial Suárez do que rescatou varios parágrafos do seu discurso de investidura que cualificou de “impactante” polo seu contido que supuxo, asegurou, unha clara ruptura respecto do réxime franquista tanto pola súa sinxeleza, como pola súa escenografía e estilo.

Os pecados capitais do comunicador

Nunha sociedade da información como a actual, a comunicación acada enorme relevancia (o político norteamericano Bill Clinton chegou a afirmar que o 50% é comunicación e logo está o resto). Sen embargo, e isto non é o que sucede noutros países, o sistema educativo español non concede, segundo denunciou Campo Vidal, ningunha importancia ás presentacións públicas, nin ás exposicións orais. Sete son para o xornalista os pecados capitais do comunicador: improvisación; falta de escoita; descontrol do tempo; arrogancia; non saber empezar nin rematar as intervencións; a comunicación non verbal e a incapacidade de transmitir emocións. Sete erros fatais que determinan o fracaso do proceso comunicativo e que atentan contra o obxectivo primordial da comunicación: a eficacia.

“Escoitemos o que os outros din e incorporémolo ao noso discurso” recomendou Manuel Campo Vidal aos docentes e investigadores que participan no curso, aos que tamén animou a “tratar de gañar a emoción do voso alumnado”. Para iso o bo comunicador ben pode nacer, ou ben debe facerse. Ter unha intelixencia lingüística innata e estar afeito dende neno a escoitar relatos no ámbito familiar, son segundo Campo Vidal dúas condicións que adornan ás persoas con dotes comunicativas, que no caso de aquelas que non as teñen é posible aprender. Un proceso que ilustrou co exemplo do ex presidente do Goberno, José María Aznar, do que destacou a evolución experimentada despois da realización de numerosos cursos de comunicación e inglés que lle permitiron chegar a impartir docencia na Universidade de Georgetown.

O moderador por excenlencia de debates entre candidatos á presidencia do Goberno

Das moitas facetas que como xornalista ten desenvolvido Manuel Campo Vidal ao longo da súa traxectoria profesional é o seu papel como moderador de debates entre candidatos á presidencia do Goberno unha das máis destacadas. Preguntado pola súas preferencias en canto a modelos de debate e tamén ao entre os que ten realizado, o xornalista manifestouse satisfeito polo “modelo español” de réplica-contraréplica entre os candidatos fronte a outros como o norteamericano ou o francés nos que non existen interpelacións entre os políticos. “Penso que o noso é o formato que permite máis flexibilidade, aínda que tamén entraña un enorme desgaste para os participantes e o propio moderador”, explicou Campo Vidal. De entre os debates que ten moderado o xornalista non chegou a decantarse abertamente por ningún, aínda que deixou patente os diferentes niveis de tensión persoal existente entre José María Aznar e Felipe González, fronte aos menos agresivos mantidos entre José Luís Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy ou Mariano Rajoy e Alfredo Pérez Rubalcaba.