DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Conclusións do II Congreso de Agroecoloxía celebrado en Monforte de Lemos

A agricultura ecolóxica como opción global de futuro para o rural galego

Innovación, coñecementos locais e apoio da administración, claves para o sector

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 05/05/2008
“Por que cada vez máis cidadáns demandan unha alimentación san e equilibrada e por que, finalmente, o goberno galego aposta cun Plan de Desenvolvemento para que sexa algo máis que un fito singular, cómpre dicir que a agricultura ecolóxica ten futuro como opción global para o rural galego”. Esta é segundo o presidente do comité organizador do II Congreso de Agroecoloxía e profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Xabier Simón, unha das conclusión que se extraen do foro celebrado durante a fin de semana en Monforte de Lemos e no que se deron cita científicos e agricultores.
Ao longo de tres días os participantes na congreso organizado pola Universidade de Vigo concluíron a necesidade que ten o sector de propostas innovadoras, algunhas das cuais tiveron ocasión de coñecer como os castiñeiros micorrizados de Hifas da Terra, o potencial alelopáctico derivado de diversas plantas ou o aproveitamento de residuos de hortalizas para a fabricación de xabonetes e outros cosméticos.

Certificación, coñecemento local e silvicutura ecolóxica

A certificación pública e a baseada na confianza como medios para garantir a calidade e o incompatibilidade da agricultura ecolóxica cos organismos xenéticamente modificados, foron outras conclusións que se puxeron de manifesto no congreso.
Como experiencias máis exitosas da agricultura ecolóxica en Galicia abordáronse exemplos daquelas que están vinculadas co compromiso dos labregos e coñecementos locais. Tal é caso da Cooperativa do Monte Cabalar ou as Sociedades Cooperativas Galegas Milhulloa e Cauru.
Pero como sinala Xabier Simón “ falar de agricultura ecolóxica non é referirse só ao cultivo da terras agrarias. Na agricultura galega o 70% da superficie, aproximadamente, está ocupada por superficie a monte”. O congreso concluíu neste ámbito concreto que os procesos de monocultivo forestal son terribles social e ambientalmente e xeito que o abandono do monte ten levadao a converter aos incendios no principal problema ambiental do agro galego. Fronte a esta situación, facer silvicultura ecolóxica nos montes galegos é unha opción real que pode axudar a incrementar rendas dos propietarios e fixar poboación.

O Plan de Desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica

En relación co Plan de Desenvolvemento da Agricultura Agroecolóxica de Galicia presentado polo vicepresidente da Xunta na inauguración do congreso e que contempla investimentos públicos por un importe de 39,4 millóns de euros ata 2013, considera Simón que “debe servir non só para garantir que os agricultores ecolóxicos mellores os seus resultados, senón, sobre todo, para incentivar a transición á agricultura ecolóxica”.
Un total de 54 medidas agrupadas en seis eixes de accións, articulan o plan que ten como finalidade consolidar o sector agroecolóxico galego facendo del un novo motor de dinamización para o rural galego.