DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As agrupacións vocais das universidades de Vigo e Minho comparten escenario no encontro de coros

As actuacións terán lugar mañá sábado ás 20.00 horas no Conservatorio Superior de Música de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
S. Alcázar DUVI 13/11/2009
Os coros das universidades de Vigo e Minho fundirán as súas voces nunha mesma actuación con motivo do encontro de coros organizado pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes. O coro vigués viaxou con anterioridade a Portugal para participar nun encontro de similares características, pero nesta ocasión é a formación musical da Universidade de Minho a que visitará a cidade olívica mañá sábado para actuar xunto coa agrupación viguesa no Conservatorio Superior de Música de Vigo, no que a entrada será de balde ata completar aforo.
Vivaldi será o compositor protagonista da cerimonia coa súa obra Gloria, unha das pezas de música sacra máis coñecidas deste autor, que xa foi interpretada polo coro vigués para despedir a tempada pasada. Esta obra posúe unha gran complexidade polos numerosos movementos que a compoñen. Pola súa banda, o coro de Minho ofrecerá un repertorio con pezas de diversos países e cancións tradicionais portuguesas.
O profesor do Conservatorio, Carlos Enrique Pérez, será o encargado de acompañar ás formacións vocais co piano, instrumento estrela nesta actuación, mentres que a mezzosoprano do coro vigués, Mª Cristina Solá, será unha das solistas neste encontro.

Preparación do curso

O coro da Universidade iniciou este curso cheo de proxectos. Na súa exitosa traxectoria súmanse numerosas actuacións, tanto dentro como fóra do noso país, así como a organización de certames e encontros entre coros, como o que ten lugar este sábado. A misión desta formación, promovida pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, é a de contribuír á potenciación da formación musical, así como realizar un labor de difusión cultural e de solemnizar numerosos actos académicos co seu rico e variado repertorio de máis de 150 obras, que abranguen dende música clásica ata cancións latinoamericanas ou adaptacións de coñecidas pezas corais tradicionais, sen esquecernos do himno universitario Gaudeamus Igitur e Gloria tibi sit, propios da Universidade.
A actual directora do coro, Nuria Lorenzo, é a encargada de seleccionar as pezas que se interpretan e introducir novidades no repertorio da formación. Nesta ocasión está a traballar nun musical en galego adaptado por ela mesma, cun acompañamento de piano, que sen dúbida será unha innovación no programa para o vindeiro curso. “Neste proxecto pretendemos introducir tamén unha interpretación en escena, pero será a longo prazo” declarou a directora. “Ademais os integrantes da coral están entusiasmados por levar a cabo este musical” engadiu. Por outra banda, Nuria Lorenzo amosouse moi satisfeita co traballo que desenvolve como dirixente do coro, posto que a xente se manifesta moi interesada con esta actividade. “Nestes dous meses incorporouse moita xente” afirmou Nuria. Un dos obxectivos da directora é o de animar á participación co fin de achegar ao público o seu traballo a través das diversas actuacións programadas, como o Concerto de Nadal que terá lugar no Auditorio de Pontevedra, no que a formación vocal estará acompañada pola banda de música da Escola Naval Militar de Marín.

Participación no coro da Universidade

Para pertencer ao coro non é imprescindible ter coñecementos previos, tan só é necesario ter interese na música e no canto e poder asistir aos ensaios que teñen lugar todos os martes e xoves de 20.00 a 22.00 horas na Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Industrial. Trátase dunha actividade aberta a toda a comunidade universitaria e tamén a persoas alleas á Universidade, sempre que non se supere o 25% dos membros, que aprenderán a cantar e recibirán nocións básicas de solfexo, ademais de participar nas viaxes de intercambios culturais, tendo a oportunidade de coñecer outras cidades.
É importante mencionar que esta actividade non suporá ningunha interferencia nos exames dos compoñentes que pertenzan ao alumnado da Universidade, posto que durante os meses de febreiro e xuño non se programa ningunha actuación, soamente se levan a termo os ensaios habituais.
Nuria Lorenzo, directora da agrupación, convida a todos aqueles que desexen participar. “Cantos máis, mellor” declarou. Para os interesados nesta actividade, o prazo de inscrición rematará a finais de decembro, polo que é necesario cumprimentar o formulario de ingreso e entregalo na Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, situada no Edificio Miralles, ou ben remitilo ao correo coro@uvigo.es