DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo folk presentou o seu terceiro traballo

“Polo aire” no Teatro Vidal Bolaño cos Quempallou

No ciclo de concertos 4x4

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 08/05/2008

Coa radio como fío condutor, o grupo Quempallou presentou no Teatro Vidal Bolaño o seu último traballo discográfico, Polo Aire que integra a Xulio Abal ás cordas e conta coas colaboracións de Pablo Lama ao saxo, Juansi ao contrabaixo e do grupo hip hop Dios ke te Crew.
Ante o público que se deu cita no teatro do campus universitario de Vigo, o grupo folck volveu dar un novo recital de alegría e paixón sobre o escenario ao tempo que confirmaron unha clara evolución e madurez musical desde a que afrontan composicións propias, sen perder a base tradicional, nin a importancia da palabra.

Facendo historia

O traballo sobre os ritmos tradicionais galegos, sen renunciar á busca dun estilo moi bailable para o desfrute do público, caracterizan a este grupo que iniciou a súa andaina alá polo 1999 na Escola de Maxisterio de Pontevedra, onde coincidiron dous dos seus integrantes.
Tras varios axustes na formación inicial o grupo grava en 2002 o seu primeiro disco, Quempallou, froito do primeiro posto logrado no II Concurso Folk Radio Obradoiro. Ademais un tema deste primeiro traballo, Moreniña, converteuse durante dúas semanas no número 1 da lista de emisión dunha radio de Atlanta, EE.UU.
Estremonías, o segundo traballo de Quempallou, vería a luz dous anos máis tarde. Tras unha elaboración máis coidada e fundamentado en composicións propias, baseadas en estruturas tradicionais, Estremonías foi a tarxeta de presentación coa que o grupo percorreu Galicia de Norte a Sur e de Leste a Oeste, incluíndo o paso polo Festival de Ortigueira onde tocaron cos Chieftains.
Agora chega Polo aire que segundo o propio grupo afirma, revela o estado no que se atopan estes sete músicos en cada un dos seus concertos: cargados de paixón e alegría.

Estrea en Lorient

A xira de presentación do novo disco levará os Quempallou despois de Vigo a Cee, Gondomar, Burela, Compostela e xa no mes de agosto ao mítico festival intercéltico de Lorient na Bretaña francesa, onde actuarán os días 1 e 4.

Entrevista co grupo.