DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde o luns unha trintena de persoas formáronse no campus neste eido

Aíto García Reneses pecha “con bos fundamentos” o curso de adestradores de baloncesto

A iniciativa estivo organizada pola fundación que preside o técnico

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 30/06/2017

O Campus de Formación para Adestradores Galicia 2017 da Fundación Aíto García Reneses, que desde o luns 26 acolleu o Pavillón de Deportes do campus de Ourense, pechouse este venres cunha intervención de luxo, a do propio Aíto García Reneses. A trintena de técnicos e técnicas inscritos na cita asistiron a unha master class na que o adestrador, considerado un dos mellores da historia do baloncesto español, expuxo algunha das claves da súa filosofía de adestramento e levounas ao terreo de xogo coa axuda dos xogadores e xogadoras do Blanco Amor que participaron na sesión.

Aíto García Reneses, adestrador segundo el mesmo recoñeceu con humor "desde os tempos de Maricastaña", explicou aos asistentes a importancia de conseguir que os xogadores se divirtan aprendendo, dándolle algunhas das claves para acadalo, como adestrar o equipo ao nivel dos seus tres ou catro mellores xogadores e cos fundamentos acorde ao seu nivel, para que poidan aplicalos trala aprendizaxe e alimentar a motivación. A xogadores e técnicos presentes, o adestrador destacoulles cuestións como a necesidade de dotar aos xogadores de “bos fundamentos”, o feito de que “a técnica non é explicala, é repetila” e a importancia de transformar en obras as palabras “porque a aprendizaxe se logo non se aplica non serve de nada”.

Amosando o seu desexo de que a iniciativa organizada este ano por primeira vez en Galicia teña continuidade en vindeiras edicións e agradecendo á fundación organizadora a decisión de traela a Ourense, Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense, e Francisco Martín, presidente da Federación Galega de Baloncesto, foron os encargados de clausurar unha cita, dirixida por Diego Ocampo, que destacou pola súa calidade formativa e polo panel de destacados técnicos que participaron nela como docentes.