DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Titulada de Esdemga, presentou as súas creacións por primeira vez no EGO da Madrid Fashion Week

Alba Cardalda convence en Cibeles polo colorido e mestura de materiais das súas prendas

Participou cunha colección inspirada nas propostas arquitectónicas de Óscar Niemeyer, xa presentada

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 21/09/2011

"Un día para marcar no calendario". Así lembrará Alba Cardalda a súa participación no EGO de Cibeles, a súa primeira toma de contacto coa elite da moda e o seu segundo desfile tras a súa estrea en Debut 2010. Aínda que o premio L´Oreal á mellor colección das novas promesas recaeu no deseñador Roberto Etxeberria, o certo é que Cardalda sorprendeu ao público e á crítica polo gran impacto visual das súas prendas. Moi satisfeita polos resultados conseguidos, a nova titulada de Esdemga asegura que “que o desfile gustou moito polo colorido e a mestura de materias, ademais de ser unha colección moi urbana e para xente nova”. Recoñece que foron os quince minutos máis importantes da súa vida, “aínda que pasaron voando pola mestura de emoción e de nervios que non me permitían ser consciente da situación que estaba vivindo”. Iso si, recorda con precisión o momento no que comezou a soar a música, que marca o inicio do desfile. “Empezaron a tocar as cancións do grupo de electrónica Kratwerk, no que me inspirei para os meus deseños, e foi como se me recargara as pilas”.

En canto á organización, “inmellorable”, explica, “houbo tempo suficiente para que persoalmente vestira a todos os modelos e todo o mundo se comportaba dun xeito moi profesional”. Aínda que non se tropezou con ningún famoso, si que aproveitou o tempo para facer algún que outro contacto, pois “revistas de moda xa se amosaron interesados en publicar a colección e tamén para facer imaxes de promoción cos meus estilismos”. Recoñece que se animou a participar para achegarse ás principais referencias do sector téxtil do panorama nacional e coñecer de primeira man o seu método de deseño e traballo. Tamén supón “a plataforma ideal para que o teu traballo chegue á retina de moitas persoas interesadas, situación que de outra maneira non sería posible”, engade.

Na súa ópera prima Cardalda presentou unha colección inspirada nas propostas arquitectónicas de Óscar Niemeyer que xa lle permitira gañar o premio áccesit en Debut 2010. “A arquitectura é unha parte importante da miña vida e Niemeyer non segue unhas vías correntes polo que non imaxino un referente mellor”, explica. Participou cun total de vinte propostas “deportivas e urbanas”, tanto para home como para muller, nas que xogaba coa cor e coa mestura de materiais, fusionando elementos tecnolóxicos como o plástico de PVC (policloruro de vinilo), o tyvec (gorotex vexetal) ou o charol gloss, que muda de ton, con outros máis tradicionais como algodón ou terciopelo. Completaba os estilismos co uso de cascos, avións, figuras, mochilas... a modo de complementos, “cunha homenaxe incluída ao xogo do scalextric, que cumple 50 anos en España”. Cardalda foxe dos convencionalismos optando sempre pola experimentación á hora de crear, “pois probando cousas novas é como se consegue distinguirse do resto”.

Un soño, vivir da moda

En canto a proxectos de futuro, “a partir de hoxe comezarei a pensar neles”, aclara a deseñadora, aínda que grazas ao seu primeiro desfile en EGO ve máis preto a posibilidade de vivir da moda, “que é o meu soño”. Admite que lle “encantaría” embarcarse na aventura de crear unha marca propia, como compañeiras de Esdemga de anteriores promocións, “pero son moi nova e a experiencia de traballar nunha empresa consolidada pode ser moi positiva para a miña aprendizaxe”. Alba Cardalda únese á lista de titulados e tituladas de Esdemga que interviron en edicións anteriores do Ego de Cibeles. O pasado mes de febreiro a ex alumna Victoria Monasterio presentaba a súa nova colección de outono/inverno, tras ter participado hai un ano no showroom da mesma pasarela xunto con Paula Arnoso e Esther Lebrato.