DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O éxito completouse cos bronces de Adrián Pérez e Isabel Pastoriza

Alberto Asensio consigue o ouro no Universitario de Orientación

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 12/04/2011
Dous dos tres chanzos do podio en categoría masculina e un en feminina foron a bagaxe da Universidade de Vigo no Campionato Galego Universitario de Orientación celebrado o sábado no campus. Aos bos resultados de Alberto Asensio, estudante do campus de Ourense, que cun tempo de 36.21 minutos acadou o primeiro posto, e o de Adrián Pérez, compañeiro de Asensio, que foi terceiro ao rematar o circuíto en 38.31 minutos, sumouse o bronce de Isabel Pastoriza, PAS de Vigo, que completou o percorrido en 36.28, logrando así a prata para a Universidade na clasificación por equipos.

A proba desenvolveuse sobre un “plano inédito, o que sorprendeu á maioría dos habituais, que destacaron a gran calidade e detalle do mesmo”, segundo explica Jose Luis Armada, coordinador da sección de Orientación do Servizo de Deportes. Cunha alta participación feminina, xa que o 40% dos participantes eran mulleres, e de membros do persoal docente e investigador, así coma do PAS, a proba desenvolveuse nun circuíto que “gustou moito, pois aínda que é semiurbana tivo moitas zonas de verde, de campo”, salientou.

Entre as novidades desta carreira estivo a utilización dunha pinza electrónica que os corredores tiñan que actualizar en cada un dos postos polos que pasaban. Ao chegar a meta descargábase toda a información e obtíñanse os tempos, “os xerais, pero tamén entre marcas, algo que lles gusta moito, porque lles permite mellorar”, afirmaba Armada.

Mérida acollerá o nacional en xuño

Agora a próxima cita será no mes de xuño no Campionato de España Universitario de Orientación que se disputará en Mérida. “Despois dos bos resultados desta fin de semana temos que estudar se presentamos equipo ou se van deportistas a nivel individual”, aseguraba Armada, que recoñece que cada universidade establece os seus propios criterios para participar no nacional.