DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O pianista inaugura hoxe, ás 21.00 horas, o ciclo de jazz

Alberto Conde Cuarteto e Poliposeídas, protagonistas da programación cultural da semana

O colectivo teatral participa mañá en "Campás Teatro"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 26/03/2009

O cuarteto de jazz de Alberto Conde e a “terapia de curación a través da risa” do colectivo teatral Poliposeídas, son os protagonistas da programación cultural de primavera desta semana a través dos ciclos Campus Jazz e Campás Teatro, respectivamente. Hoxe ás 21.00 horas, Conde, creador da Novamuiñeira, interpretará canda o saxofonista e frautista Roberto Somoza, o batería Miguel Cabana e o contrabaixo Kin García, diversos temas nos que fai realidade a súa visión do jazz como elemento integrador das músicas do mundo.
Será a primeira cita do ciclo musical da Casa das Campás que pon a disposición deste xénero, intenso e único en cada actuación, a intimidade dos seus espazos. No caso do ciclo de teatro, Poliposeídas tomará mañá o relevo de Teatro Nu, que inaugurou Campás Teatro o venres pasado e achegará un novo exemplo de teatro alternativo. Aqueles que se acheguen á Vicerreitoría ás 21.00 horas (a entrada é libre ata completar aforo) gozarán dun espectáculo articulado por pezas curtas, denominadas polipoemas, que actúan como textos de denuncia.

Próximas actuacións

Cada cita de Campás Teatro é unha sesión única xa que, como explicou o seu coordinador, Salvador del Río, “prodúcese unha simbiose entre o espazo e as pezas, adaptadas ex profeso para cada ocasión”. Antes do descanso da programación con motivo da Semana Santa, a compañía Maquinaria Pesada interpretará o 3 de abril o seu espectáculo As vingadoras, inspirado na serie televisiva británica dos anos 60. Isabel Risco e Marián Bañobre, coa colaboración de José Losada, traballan neste proxecto ás ordes do recoñecido director de escena británico John Wright.
Un día antes, 3Azoteas, o grupo formado por Iago Mouriño, Pablo Pérez e Miguel Queixas, serán os seguintes en pasar polo escenario de Campus Jazz para presentar o seu proxecto, que dá cabida ás inquedanzas musicais de cada un dos seus integrantes.