DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na derradeira sesión antes da toma de posesión no novo reitor, Salustiano Mato

Alberto Gago agradece a colaboración e o respecto académico que presidiu o Consello de Goberno durante o seu mandato

O Consello aprobou a creación do centro de investigación AtlanTIC

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/06/2010

Pouco máis dunha hora durou o derradeiro Consello de Goberno presidido por Alberto Gago e no que se aprobaron todos os puntos que integraban a orde do día, entre eles a creación do centro de investigación en tecnoloxías da información e as comunicacións, AtlantTIC. Ao finalizar a sesión o reitor en funcións agradeceu a colaboración, así como “o respecto académico” que presidiu as sesións do Consello de Goberno ao longo dos catro anos do seu mandato nos que asegurou sentirse “cómodo” e traballar a gusto. Previamente, a profesora e vicerreitora electa do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, tomara a palabra para trasladar o seu agradecemento aos integrantes do Consello e ao equipo de goberno pola labor desenvolvida durante os catro anos do mandato de Alberto Gago. Na súa comparecencia como reitor á fronte do Consello de Goberno, Gago tamén deu conta da presentación do proxecto de Campus do Mar á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional á que finalmente, segundo confirmou o Ministerio de Educación, concorrerán un total de 49 proxectos.

Creación dun cento de investigación en TIC

Co nome de AtlanTIC, Atlantic Research Center on Information and Communication Technolgies, o Consello de Goberno acordou por asentimento a creación na Universidade dun centro de investigación en tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC). Un centro que segundo sinalou a vicerreitora de Investigación, Elsa Vázquez, ten a súa orixe na agrupación ACETIC, formada por 11 grupos de investigación da área TIC da Universidade. “Unha agrupación”, destacou Elsa Vázquez que “nos últimos cinco anos conseguiu un incremento superior ao 100% nos ingresos de proxectos conseguidos en convocatorias competitivas, así como un aumento dun 55% no número de publicacións en revistas do SCI”.
A posta en marcha deste centro de investigación en enxeñaría de tecnoloxías da información permitirá definir e abordar proxectos máis complexos, cun elevado potencial de ser transferidos á industria. Así mesmo o novo centro pretende focalizar as súas actividades na investigación básica, con resultados a medio e longo prazo e a formación de investigadores. AtlanTIC, instalarase, segundo avanzou a vicerreitora de Investigación, na ETSE de Telecomunicación, nas dependencias que actualmente ocupa Gradiant, unha vez que este centro se traslade a CITEXVI.

Inicio do proceso para a creación da Escola de Enxeñaría Industrial

Na sesión de Consello de Goberno celebrada hoxe a secretaria xeral deu conta do inicio do proceso de creación dun centro único para impartir a docencia do ámbito da enxeñaría industrial, resultante da fusión das escolas técnica superior de Enxeñeiros Industriais e de Enxeñaría Técnica Industrial. Un proceso no que durante un mes se poderán presentar alegacións e que concluirá coa aprobación da creación da nova escola por parte do Consello de Goberno e da Xunta de Galicia.
O nomeamento como profesor emérito do ex reitor José Antonio Rodríguez Vázquez; a cesión da titularidade da EU de Profesorado de EXB , María Sedes Sapientae; a participación da Universidade na Fundación Centro de Innovación Tecnolóxica da Comunicación, Edición e Artes Gráficas de Galicia e o nomeamento do profesor Baltasar Manzano como delegado do reitor na Escola de Negocios Caixanova, foron outros asuntos que recibiron o visto bo do Consello de Goberno que tamén aprobou a liquidación da memoria económica do ano 2009 e os regulamentos internos da ES de Enxeñaría Informática e da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.