DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor compareceu na Facultade de CC. Empresariais e Turismo

Alberto Gago demanda un esforzo para que a Universidade faga a mellor oferta de graos no ámbito das CC. Empresariais

A diplomatura que se imparte en Ourense non continuará o vindeiro curso

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noelia V. Vilanova DUVI 03/06/2009
É o momento de traballar duro. A partir do próximo curso os campus de Ourense e Vigo contarán con cadanseu grao en Administración e Dirección de Empresas e terán que comezar a transformar as actuais diplomaturas de Ciencias Empresariais en novos graos especializados que se implantarán no curso 2010/2011. Segundo afirmou o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, nunha comparecencia na Facultade de CC. Empresariais e Turismo “hai que esforzarse agora e facer a mellor oferta posible para captar alumnado. Os novos graos teñen que ser moi interesantes”. Neste proceso de transformación trátase de lograr unha proposta académica diferenciada e de calidade, por iso na creación dos graos “pediremos aos centros que exista un acordo previo de perfil dos títulos, de xeito que non se tropecen dentro da propia Universidade”. Neste sentido, a especialización dos estudos de empresariais presenta un amplo abano de posibilidades, “podemos xogar con total liberdade na elaboración dos graos con asuntos como financiamento, contabilidade, fiscalidade, loxística, etc.”. Ademais Gago confirmou que, mentres no caso de Vigo o vindeiro curso impartirase primeiro de Ciencias Empresariais, no campus de Ourense esta posibilidade desbotouse, segundo aclarou a Consellería de Educación, "porque había dificultades relacionadas coa tramitación no Ministerio en materia informática"
O panorama no resto das universidades galegas, a raíz da instrución enviada o pasado luns polo departamento que dirixe Jesús Vázquez, complétase para o próximo curso cun grao en ADE en Lugo e outro na Coruña que contará tamén cun grao en Ciencias Empresarias, coa condición “de que non poderá modificar esta oferta posteriormente”, explicou Gago.
O reitor da Universidade de Vigo volveu laiarse da "ruptura" que na súa opinión sufriu o Sistema Universitario de Galicia a raíz da actuación unilateral da Consellería, pero tamén deixou claro que "a harmonización do sistema é sempre necesario dalgún xeito, pero a min tampouco me disgusta competir, se me deixan". Neste sentido lembrou que "a Consellería anima ás universidades a que nos diferenciemos xa que lle parece que hai un exceso de reiteración no sistema", ao tempo que asegurou que na Universidade de Vigo "sentimos que temos as mans libres para facer propostas nos aspectos que máis nos interesen".

Inútil buscar culpas

En relación coa situación xerada a partir da decisión da Universidade de A Coruña de facer caso omiso dos acordos adoptados polo Consello Galego de Universidades en 2007, Gago considera que "o problema é que as normas do partido non se deberan cambiar no primeiro tempo, tendo ademais en conta que no descanso hai un cambio de administración". Para o reitor da Universidade de Vigo resulta inútil buscar culpas, pero cre que "as universidades van acabar mareadas neste proceso, polo que agradecería un pouco de estabilidade no sistema". Nesta nova situación, a competencia, considera Gago, vai a ser ineludible porque “o mercado ao que nos diriximos é o mesmo”. Por iso dende a Universidade de Vigo, “trataremos de facer a mellor oferta posible para captar estudantes de todo o sistema universitario español”.
En canto á actuación do conselleiro de Educación Jesús Vázquez neste proceso respecto do campus de Ourense, Gago sinalou que "na súa maneira de ver as cousas dun xeito distinto á administración anterior, buscou unha solución, con bastante diferenza, que non está mal", dado que, lembrou o reitor, en 2010/2011 na Facultade de CC. Empresariais e Turismo impartiranse "tres títulos europeos", ADE, Turismo e o grao resultante da transformación da actual diplomatura en CC. Empresariais. Gago tamén puxo de manifesto as súas dúbidas respecto do interese que puidera ter para o alumnado matricularse nunha diplomatura que se extingue "cando teñen o novo grado en ADE aí ao lado".

Chamada ao consenso do presidente do Consello Social

Como testemuña da sesión do Consello Galego de Universidades, Emilio Atrio, presidente do Consello Social apuntou que tras os últimos acontecementos “créase un novo escenario imprevisible e aberto para o proceso de implantación dos estudos de grao e posgrao”. Así mesmo, Atrio indicou que as liñas xerais aprobadas en novembro de 2007 para a organización cohesionada das ensinanzas universitarias en Galicia “quedan superadas”, polo tanto, “anticípase o debate sobre as novas titulacións, que en principio estaba fixado para 2010, e comeza xa”.
O presidente do Consello Social tamén aproveitou a ocasión para facer un chamamento “ao entendemento e ao equilibrio na toma de decisións e a artellar debates e consensos que posibiliten un sistema universitario galego forte, moderno, competitivo e de calidade”. Atrio non considera que a decisión por parte do conselleiro fose “un decretazo”, pero o que non se pode facer “é dicir un día unha cousa e ao seguinte outra distinta, tanto a Administración como a universidade ten que ser clara e tomar unha decisión definitiva”.
A pesar de que incidiu especialmente na necesidade de “recuperar un marco estratéxico concertado e conxunto do sistema universitario de Galicia”, Atrio tamén declarou que o Consello Social seguirá a traballar co equipo de goberno da Universidade de Vigo para “acadar os maiores niveis de autonomía, suficiencia financeira, capacidade formativa e potencialidade investigadora e innovadora”.