DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor demanda universidades “maís fortes, ambiciosas e mellor financiadas”

Alberto Gago reivindica unha firme aposta pola educación e a I+D

Alerta da imposibilidade de crecemento do campus de Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/09/2009

“Por responsabilidade, por convencemento, por espírito de país”. Estas foron as razóns esgrimidas polo reitor Alberto Gago, para xustificar a implicación das universidades no debate do financiamento, cuestión sobre a que xirou o discurso que ofreceu no acto de inauguración do curso académico na Universidade de Vigo.
O reitor que manifestou a súa preocupación se finalmente se confirma que o Goberno Galego non ten entre as súas prioridades para o ano 2010 a educación e a I+D, asegurou que “non hai futuro sen cambio de modelo e non haberá cambio de modelo sen máis educación e máis investigación, é dicir, sen universidades máis fortes, máis ambiciosas, máis implicadas e mellor financiadas”.
Tras asumir a obriga de facer contención de todo aquilo que non sexa prioritario ou imprescindible, Gago demandou o reforzo de todos os programas que apostan pola calidade e pola I+D, sobre a que “nunca tanto se fixo, nin tan ben neste país”. Así, o reitor destacou a participación dos grupos de investigación da Universidade en todo tipo de iniciativas mixtas no modelo da tripla hélice e a gran conexión acadada coa administracións e as empresas para traballar nos principais sectores produtivos do país. “As universidades galegas estamos aí, expectantes, cun exército de 5000 doutores, agardando por algún capitán que, ademais, de nos esixir a limpeza do uniforme, chame por nós ás grandes batallas. Deixaremos que este exército se desmobilice e regrese aos seus despachos?”, preguntouse Gago.

A historia do progreso científico

Co obxectivo de incidir na necesidade de que non se produza unha volta atrás no camiño avanzado na I+D do país, Gago botou man de varios exemplos da historia da investigación científica que “sempre foi e segue a ser adiantada, incomprendida, mesmo perseguida, porque xoga co imposible, co incrible, co inaceptable”. Así lembrou como a do físico británico William Thomson Kelvin en 1895 non admitía que puidese voar calquera cousa máis pesada que o aire, ou que Bill Gates en 1981 afirmou que unha memoria de 641 K resultaba suficiente para calquera particular.
Fronte a estes exemplos Gago contrapuxo o traballo desenvolvido pola universidade e os seus grupos de investigación. Sen torres de marfil, a pé de obra e con xeracións novas e nunca tan ben formadas e dispostas a crear novo coñecemento, Gago invitou a un achegamento á universidade “que precisa da confianza que conceden as prioridades de cada goberno. E niso confiamos, porque abofé que hai outra maneira de proseguir”, sinalou.

Demanda de espazo para o medre do campus pontevedrés

Mantendo o ton reivindicativo que presidiu a súa intervención, o reitor da Universidade de Vigo, rematou o seu discurso poñendo de manifesto a necesidade de espazo que impide o crecemento do campus de Pontevedra que dispón, afirmou Gago “dunha oferta docente atractiva, unha fantástica cidade de acollida e un cadro de persoal novo con enormes posibilidades”. Ante a apertura no ano 2010 do novo mapa de titulacións de Galicia “no campus pontevedrés a Universidade de Vigo non ten un metro cadrado máis que ofrecer para acoller esa hipotética renovación da oferta universitaria”, sentenciou Alberto Gago que demandou a axuda de todas as institucións e administracións que teñen algo que dicir e ofrecer.

Discurso do reitor, Alberto Gago, no acto de apertura do curso 2009-2010