DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abandona o cargo o vindeiro 30 de marzo

Alberto Pena, decano de CCSS e da Comunicación: "Cómpre que outras persoas que forman parte da familia institucional poidan ter a responsabilidade de seguir avanzando"

Pedro Pablo Gutiérrez encabeza a única candidatura presentada á elección

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Camino Carballeira DUVI 26/03/2009

Ábrese a porta a un novo proxecto á fronte da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Alberto Pena, doutor en Ciencias da Información pola Universidad Complutense de Madrid, abandona o cargo “orgulloso da participación de alumnos, profesores e PAS no proxecto” e coa verificación da ANECA dos títulos de Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual na man. Precisamente, o seu sucesor ten por diante o reto de levar á práctica a integración no Espazo Europeo de Educación Superior. As eleccións celebraranse o vindeiro luns, 30 de marzo, e a listaxe definitiva de candidaturas só contempla a do profesor Pedro Pablo Gutiérrez, que formaría equipo con Mónica Valderrama como vicedecana de Calidade e Investigación, Francisco Javier López no vicedecanato de Asuntos Económicos e Profesores, e Juan Manuel Corbacho á fronte de Alumnado e Mobilidade. A profesora Aurora García pecha o equipo como secretaria de decanato.

Remata a súa segunda etapa á fronte do equipo decanal. Do traballo realizado nestes últimos anos, de que se sinte máis orgulloso?
Síntome orgulloso sobre todo da participación dos alumnos nas actividades de facultade, da súa preocupación e compromiso por intentar colaborar no proxecto institucional da propia facultade e porque entre todos os actores que interveñen no proceso de funcionamento do centro, alumnos en primeiro lugar, profesores e PAS, poidamos seguir avanzando e facer da facultade un lugar de convivencia onde se ofreza unha formación de calidade. Iso é do que máis orgulloso está alguén que está na coordinación dos diferentes elementos que concorren no funcionamento da facultade.

Quédalle algunha espiña cravada, algún proxecto que non se puido realizar?
Persoalmente non me queda ningún proxecto por realizar porque ningún dos proxectos que se emprenderon desde o decanato era un proxecto persoal. Todos se correspondían cos intereses comúns do conxunto das persoas que aquí traballan e estudan. Persoalmente estou satisfeito de que eses proxectos puidesen saír adiante non por unha iniciativa persoal senón por unha iniciativa común de todos os que, dunha maneira ou doutra, arrimaron o ombro para que as cousas puidesen saír adiante. É evidente que os proxectos teñen que renovarse e tratar de avanzar en función da adaptación ás novas contornas, como agora é o caso de Boloña e ademais teñen que incorporar novas perspectivas que fagan ilusionante o avance para responder coas máximas garantías de calidade aos desafíos que se presentan. Nese senso, eu creo que é necesario que outras persoas que forman parte da familia institucional da facultade poidan ter a responsabilidade de seguir avanzando con outros puntos de vista, con outras ideas, con outra maneira de enfocar as cousas pero sempre tendo en conta que canto mellor funcione a institución, mellor para todos e, cantos máis participemos da xestión e da coordinación da facultade, tamén mellor para todos: máis democracia, máis transparencia, máis compromiso, máis cohesión e iso é fundamental para que unha institución funcione.

Se algo define esta facultade é o dinamismo dos seus alumnos
Tanto as titulacións de comunicación (Publicidade e Relación Públicas e Comunicación Audiovisual) como a de Xestión e Administración Pública son carreiras con estudantes que teñen un perfil moi comprometido coas actividades que se realizan no centro e tamén fóra del. Teñen un espírito universitario desenvolvido e responden bastante ben á responsabilidade que lle corresponde como estudantes e como futuros profesionais. Neste senso, desde o decanato procuramos sempre a máxima colaboración co alumnado nas distintas actividades que eles mesmos, por iniciativa propia, promoveron, sexa a realización de curtas, organizar a semana cultural de Santa Kata, como conferencias ou calquera outra cousa… o decanato sempre que ten enerxías, e sempre evidentemente tratamos de esgotalas ata a última gota, e financiación colaborou en todo o que puido. Logo, por outra banda a facultade en si mesma é un centro dinamizador do campus porque é unha institución senlleira que acolle tamén outras actividades do propio campus, temos aquí o Centro de Linguas, aquí se organizan moitos dos cursos das vicerreitorías, de novas tecnoloxías, tamén actividades externas á propia Universidade... Ao fin, convértese nun foro universitario con moita actividade, con moita vida e iso evidentemente é un dos elementos que potencian a proxección da institución.

Xa foi decano entre 2000 e 2003, que diferencias houbo entre unha etapa e a outra, que remata agora?
Precisamente porque o tempo vai cambiando as cousas, a facultade que eu encontrei cando empecei aquí como decano era unha facultade que fisicamente non existía. Este edificio inaugurado no ano 2000, inaugurámolo sendo xa decano. Esa foi unha etapa moi complicada porque era o momento de planificar debidamente todas as infraestruturas necesarias para as dúas titulacións que tiñamos naquel momento e poder posibilitar o crecemento cara unha titulación que nós demandabamos, que era Comunicación Audiovisual. Equipar un edificio como este, cos aparellos modernos necesarios para garantir unha docencia de calidade, non foi sinxelo e aquela foi unha etapa volcada a ese eido pero tamén en incorporar profesores valiosos que puideron consolidar as titulacións e darlle o prestixio que actualmente teñen. No segundo momento, en cambio, eu xa collín unha nave que desde o punto de vista das infraestruturas xa estaba consolidada, xa estaba intentando facer a reforma dos tres plans de estudo para adaptalos a Bolonia. Estaba intentando, por outra parte, renovar determinados espazos da institución para facelos máis axeitados a determinado tipo de actividades e que, estratexicamente, esa foi unha aposta do decanato que pretendía internacionalizar o centro. Neste momento, somos en proporción de alumnos a facultade da Universidade de Vigo que ten máis estudantes estranxeiros. Arredor dun 7-10% de alumnos que temos aquí son estranxeiros, temos convenios con moitas universidades europeas e tamén iberoamericanas, aquí temos estudantes brasileiros, mexicanos, arxentinos, franceses, eslovacos, gregos, checos, alemáns... e estamos moi orgullosos diso porque lle dá á Universidade unha dimensión global ao mesmo tempo que enriquece culturalmente a propia institución e os alumnos de aquí. E despois, ao mesmo tempo intentamos que as titulacións tivesen cada vez máis relación co mercado laboral, creando convenios que neste momento chegan a máis dun cento e medio de protocolos que lles permiten ao alumnado facer prácticas en empresas galegas e incluso foráneas.

É a implantación dos graos o gran reto do próximo decano?
Si, é unha nova fase. Cada contexto temporal ten os seus retos e os seus desafíos. Agora estamos nunha nova fase na que se precisará doutro tipo de políticas. Cando eu estiven no decanato entre 2000-2003 os procesos de vida académica eran distintos por varios motivos. Primeiro pola deficiencia nas infraestruturas na fase inicial, logo polo incremento do número de titulacións (empezamos con unha e agora temos 3), logo polo número de profesores (empezamos sendo 10 e agora somos case 100). Non é o mesmo xestionar unha facultade pequena, con limitacións, que unha facultade que está consolidada, en expansión e que é un centro de referencia en Galicia porque é o único centro de Ciencias Sociais e da Comunicación. Para nós iso supón unha enorme responsabilidade e cremos que a facultade ten que seguir achegando todo o que poida para o progreso de Pontevedra en primeiro lugar e da Universidade de Vigo e de Galicia.

Que cre que lle vai achegar á formación dos alumnos a integración no Espazo Europeo de Educación Superior?
O Plan Boloña supón un cambio substancial porque os alumnos pasan a ser actores activos da súa formación. Ata agora eran actores pasivos porque, fundamentalmente, se limitaban a ir a clase e recoller a transmisión de coñecemento dos profesores. Teñen que ter unha disciplina e formar uns hábitos para adquirir a formación necesaria. É un cambio importante e creo que iso é necesario un ten que aprender a seleccionar e informarse, a saber escoller as fontes de documentación para estar preparado en cada unha das contornas profesionais. Teñen que ser conscientes de que nunca poden abandonar a formación e, nese sentido, creo que para os estudantes é incluso revolucionario. Logo hai outros elementos discutibles e que algúns estudantes non acaban de entender referidos ao financiamento que é escaso porque hai algúns centros que teñen que facer obras para poder adaptar as insfraestruturas. Pero eses son elementos que se irán solucionando pouco a pouco e que un cambio tan transcendental como este non pode producir unha adaptación inmediata, ten que ser algo cun certo sentido da moderación e da paciencia pero, ao final, eu creo que o proceso será positivo para a universidade española e para os estudantes en particular.

Terase atopado con ex alumnos da facultade, como valoran a formación que recibiron de cara á inserción no mercado laboral?
Todos os contactos que mantiven con estudantes desta facultade foron conversas sempre nunha dimensión emocional moi agradable. Temos moitos alumnos que están traballando asesorando a partidos políticos e temos incluso alumnos que forman parte de equipos de goberno de concellos ou que incluso son alcaldes, como é o caso de Iván Puentes, alcalde de Fene. Nese sentido, vemos que a aposta que fixo a facultade por impartir materias relacionadas coa comunicación política está a dar os seus froitos e somos a única facultade de Galicia que ten esa oferta específica e que está tendo resultados obxectivos. Logo temos alumnos que crearon empresas, axencias de publicidade como Trisquelia, que teñen contas moi importantes, e outros que están formando parte de equipos de axencias de primeiro nivel non só nacional senón internacional como McCann-Ericsson e outras. Estamos moi satisfeitos e esperamos que os nosos alumnos sigan triunfando no mercado profesional porque para esta facultade, se os alumnos triunfan, a facultade triunfa; se os alumnos fracasan, a facultade fracasa.

Como ve a saída ao mercado laboral dos alumnos no contexto de crise económica?
En tempos de crise hai moita desconfianza, incertidume e un certo pesimismo á hora de enfrontar os retos profesionais. Con todo, as crises tamén poden ser unha oportunidade porque hai sectores que en momentos de crise, crecen. Está demostrado aínda que, evidentemente, son menos. Hai iniciativas en proxectos de carácter multimedia que están triunfando no mercado. A publicidade en internet é un mercado que sigue medrando, agora menos, pero sigue medrando e con imaxinación, con ganas de traballar e cun esforzo ilusionante un acaba triunfando e conseguindo o que se propón. Claro que se un se deixa arrastrar polo incertidume, pola desconfianza e polo pesimismo, ao final queda parado, conxelado, e do que se trata é de estar activo e procurar alternativas a esa situación de desconfianza. Cando eu me licenciei no 93 era un ano difícil, e non por iso a xente que naquela época saímos nas facultades perdemos a esperanza de ter un futuro. Ao cabo do tempo fomos encontrando un oco no mercado de traballo.

No caso dos titulados en Xestión e Administración Pública, cales son as súas perspectivas laborais?
Xestión e Administración Pública creo que ten un futuro magnífico porque é a única titulación con estas características que hai en Galicia. Ten un potencial enorme, cun magnífico equipo de profesores, con experiencia e ben conectados co mundo da administración e nese sentido ofrece unha formación da máxima calidade e estou seguro de acabará sendo unha titulación con tanta ou máis proxección que as titulacións de comunicación.

O pulo que nos últimos anos están tendo as ONG's, pode ser un nicho de mercado para os titulados nesta carreira?
Na reforma que fixemos no plan de estudos de Xestión e administración pública, que agora pasaría a denominarse Grao en Dirección e Xestión Pública, introducimos varias materias sobre o terceiro sector. Por iso imos ofertar materias de formación específica para preparar directores de fundacións, oenegués e outras institucións coas mesmas características. No eido da publicidade e da comunicación audiovisual imos ofertar materias sobre a comunicación alternativa. Non só a comunicación clásica que se fai desde a administración ou das campañas que fai calquera tipo de empresa para vender produtos senón, sobre todo, o que pretendemos é facer conscientes aos alumnos de que as campañas non son só para facer negocio senón que ás veces o mellor negocio é tratar de transmitir ideas que consigan trasmitir valores. Hoxe en día hai moitas institucións interesadas en transmitir valores, non só as administracións públicas senón tamén as onegués que teñen iniciativas de carácter solidario en moitísimos eidos, de carácter sanitario ou ecoloxista. Ademais, nese sentido, a facultade está comprometida estratexicamente con ese eido porque cremos que é un eido de futuro, non nun sentido puramente utilitarismo, senón fundamental para contribuír ao progreso da sociedade con principios éticos e de concordia civil.