DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Pena gaña o Premio de Xornalismo Fernández del Riego cun artigo sobre a lingua

O texto saíu publicado no Diario de Pontevedra no pasado mes de decembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 03/03/2010

O profesor e ex decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Pena, gañou o VII Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego polo seu artigo titulado Cousas da lingua e publicado no Diario de Pontevedra no pasado mes de decembro. O xurado, integrado polo escritor Alfredo Conde, o editor e escritor Víctor Freixanes, o catedrático de Xornalismo Manuel Fernández Areal e o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, deu a coñecer o fallo onte, logo da xuntanza na que deliberaron sobre os 16 textos finalistas. O presidente do xurado, Alfredo Conde, destacou do artigo de Pena que é “un traballo con máis dunha lectura sobre a lingua galega”.

Recoñecemento reconfortante

Tras coñecer a noticia Alberto Pena amosaba a súa satisfacción e facía unha valoración moi positiva deste recoñecemento. “É unha honra recibir un dos premios máis senlleiros de Galicia, que leva o nome dun personaxe tan importante como Francisco Fernández del Riego”, expresaba. Agradeceu ao xurado que llo concedese, algo que sinalou que resulta “reconfortante, sobre todo por ter o convencemento da alta calidade dos demais finalistas”.
Este galardón abrangue a categoría de lingua galega dos premios de xornalismo que convoca anualmente Caixanova. Na categoría de lingua castelá, con 39 textos finalistas, o XXXI Premio de Xornalismo Julio Camba foi para a escritora Ángela Vallvey por unha columna titulada La soledad, que se puido ler en La Razón no pasado mes de novembro. Neste caso o xurado valorou o tratamento que lle dá ao tema da soidade, “moi pouco habitual e cunha visión máis feminina”.
O xurado insistiu na calidade literaria de ambos os dous textos, algo que valora como o carácter perdurable dun artigo máis alá da actualidade. Cada un dos premios está dotado con 12.000 euros, o que o sitúa entre os de maior contía na súa categoría en España. A entrega terá lugar nunha cerimonia que se celebrará no Centro Cultural Caixanova.

Un retrato sociolóxico e lingüístico de Galicia

Cousas da lingua apareceu publicado nas páxinas de opinión do Diario de Pontevedra o 29 de decembro de 2009. Segundo describe o propio autor, é un artigo cunha dimensión literaria que pretende ser un retrato sociolóxico e lingüístico da Galicia que lle tocou vivir na nenez, ligada ao mar, ao mundo da pesca e á emigración. “Quería recoller sobre todo a tolerancia do galego por abrirse a outras linguas, pois no meu caso en particular, por mor da emigración, puiden ver como convivía co alemán, co inglés e mesmo co neerlandés”, sinalou ao respecto. O artigo está concibido desde o sentimental, polo que transmite tamén a emoción do sentir a lingua como conformadora da identidade e a personalidade propias. Ademais de abordar o galego como transmisor da cultura, o profesor destaca que pretendeu tratar a lingua principalmente como “vehículo de achegamento a outras culturas”.
Desde o punto de vista de Alberto Pena, o xénero de opinión goza de boa saúde en Galicia, “con excelentes articulistas en todas as cabeceiras”. O profesor citou neste sentido firmas como as de Manuel Rivas, Víctor Freixanes, Alfredo Conde ou Xosé Luís Barreiro Rivas. Así e todo, remarcou que “cómpre falar non só de nomes consagrados, senón dunha nova xeración que estamos empezando a facer artigos e aprendendo a facer opinión, expoñendo o que pensamos para abrir unha fenda no debate co obxectivo de enriquecelo”.