DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Julio Prada e Mª Concepción Álvarez estudan a sociabilidade neste lugares de repouso

Nos albores do turismo de balnearios en Ourense

Ata principios do século XX non se comezou a democratizar o uso das súas instalacións

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 13/01/2014

A cidade e a provincia de Ourense teñen entre un dos seus principais eixes de promoción turística a auga e moi especialmente a súa oferta de instalacións como termas e balnearios. Para indagar nos albores do turismo de balnearios, o docente Julio Prada e a investigadora Mª Concepción Álvarez, da Facultade de Historia do campus de Ourense, veñen de realizar un estudo sobre a evolución histórica destes enclaves e sobre o seu papel como centros de sociabilidade ao longo da Idade Contemporánea, concretamente durante os séculos XIX e o XX, entre a Restauración e a Guerra Civil.

Segundo explica Julio Prada, na Área de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo, tendo en conta a relevancia da temática e o feito de que se trata “dun campo moi interesante pero pouco estudado”, decidiron abrir unha ampla liña de investigación arredor da historia dos balnearios na provincia de Ourense, como son os de Cortegada, Caldeliñas, Cabreiroá, Pazos, Prexigueiro e O Carballiño. “Como arranque desta liña quixemos facer unha aproximación á temática dos balnearios escollendo como instrumento metodolóxico a sociabilidade, a súa posible función como centros de sociabilidade nos que se tecen estratexias políticas, se concertan negocios ou se amañan matrimonios, por exemplo”, destaca o director do proxecto, que contou co financiamento dunha axuda INOU da Vicerreitoría do campus e da Deputación Provincial de Ourense.

Do nacemento ao auxe

Tendo como referente último os balnearios franceses de Vichy e os suízos, e moito máis preto o de Mondariz, nos que efectivamente a sociabilidade chegou a cotas moi altas, no caso dos balnearios da provincia de Ourense a evolución histórica, comenta Prada, foi diferente. Neles, apunta, poden diferenciarse dúas etapas. A primeira prolóngase ata o último cuarto do século XIX, cando se crean os balnearios pero cunhas condicións moi malas, sendo as instalacións “practicamente barracóns con pobreza de medios absoluta”. No último cuarto dese século a situación, indica, comeza a mudar e empézase a prestar atención ás súas instalacións e arredor dos anos 20 do século XX conséguese atraer a un turismo de balnearios composto por persoas que non só acudían a eles por unha doenza concreta.

Por este tardío e limitado acondicionamento de instalacións, apunta o docente, a sociabilidade nestes balnearios ourensáns non acadou o desenvolvemento doutras zonas, dándose a moi pequena escala ese tipo de relacións e tendo como momentos máis destacados a visita concreta de persoeiros de relevancia, como algún ministro do goberno, que si conseguían desprazar ata eses balnearios aos poderes locais e intensificar a vida social arredor deles. “Ao principio, este turismo estivo protagonizado polas clases altas, por militares, burgueses e funcionarios, e labregos acomodados. Só a partir dos anos 20 do século XX comezou timidamente a democratizarse e abrirse a outros colectivos como labregos medios. En todo caso, foi un turismo protagonizado por homes, incorporándose a muller, principalmente como acompañante, xa entrado o século XX”, comenta Julio Prada. Este auxe viuse afectado polo estalido da Guerra Civil, cando balnearios como o do Carballiño foron empregados para a recuperación de soldados con doenzas.

As fontes

Para realizar este estudo, os investigadores empregaron dúas fontes principais de información. Por unha banda, arredor de 40 memorias médicas de balnearios ourensáns, que abranguen desde os anos 40 ou 50 do século XIX ata a Guerra Civil e que recollen desde as propiedades curativas das augas ata todo tipo de información dos visitantes, desde o sexo, a idade e a procedencia ata a profesión, o tipo de doenza ou onde se hospedaban. A segunda fonte empregada foi a prensa da época, que na súa crónica da vida social comezou a recoller información sobre os balnearios e a visita de personaxes ilustres.