DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Clausurou un curso sobre alta dirección organizado polas universidades de Vigo e de Anáhuac-Xalapa

O alcalde de Pontevedra pon a humanización da cidade como exemplo de xestión

Miguel Anxo Fernández Lores sinalou que a peatonalización foi clave na transformación do núcleo urba

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 14/09/2012

Este venres púxose punto e final a unha nova edición do Curso de Alta Dirección en Empresas e Comunicación cunha xornada de clausura na que interveu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para compartir co alumnado o seu labor no eido da xestión pública. Os asistentes ao curso, organizado polas universidades de Vigo e a de Anáhuac-Xalapa de México e centrado na formación de altos executivos, contaron coa experiencia política do alcalde, que destacou o importante proceso de humanización producido na cidade ao longo dos 13 anos que leva ao fronte do concello “o que converteu a Pontevedra nun espazo actual, contemporáneo, urbano e moi atractivo para a xente”.

Acompañado polo decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho, e por un dos directores do curso, o profesor Edgar Pérez Contreras, Lores confesou sentirse moi agradecido coa invitación “tanto pola miña condición de titulado universitario e ser parte da culminación desta formación como por ser un signo de que estamos facendo ben as cousas dende o concello”. Comentou que a súa política de xestión pública ten catro eixes principais, a claridade de ideas, a unión de esforzos, ter decisión e valentía ademais de creatividade e innovación. “Hai 13 anos, se Pontevedra fose unha empresa, estaría en proceso de liquidación”, destacou Lores ao que engadiu que dende a oposición xa tiña definido o que buscaba para Pontevedra, “transformala nunha cidade para vivir”.

Dende 1999 o alcalde sinalou que o goberno local se dedicou a construír unha urbe “cómoda, agradable e para todos” para o que puxo en marcha unha férrea política de peatonalización que empezou polo centro histórico “para restrinxir o acceso do vehículo privado e que a rúa se convertese nunha continuidade do espazo privado”. Ao alumnado do curso, principalmente de orixe mexicana, sorprendeulle moito esta medida “xa que no noso país é imposible implantala a pesar dos intentos do goberno”. “A praza de Compostela pasou de ter 25.000 coches diarios a ser unha zona para a poboación”, exemplificou o alcalde para concluír no atinado da decisión que converteu a Pontevedra “nunha cidade cunha alta calidade urbana e cunha imaxe en alza”.

Dez días compartindo experiencias coa alta dirección

Miguel Anxo Fernández Lores clausurou unhas xornadas que botaron andar a comezos de mes de setembro. Ao longo dos dez días que durou o curso, o alumnado ten compartido experiencias con altos directivos do tecido empresarial galego como por exemplo co director e propietario de Charme Moda, Francisco Domínguez; co presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño; coa directora do aerporto de Peinador, Noelia Martínez; co director de Comunicación de PSA Peugeot Citroën, Pedro Hortas; co director de AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero ou co presidente da CEP, José Manuel Fernández Alvariño. O programa tamén incluíu visitas guiadas ao estadio do Real Club Celta de Vigo, á estación de Peinador ou á Cidade da Cultura, ademais de viaxes culturais a Oporto, Santiago de Compostela e á Coruña. Este curso naceu para responder á necesidade de achegar o mundo da alta dirección, “moi afastado do cotiá”, ao alumnado que está rematando un mestrado. De feito, a maioría dos asistentes son estudantes de último curso de especialidade da universidade mexicana que conseguen o seu título final con esta formación especializada.