DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pena Corneira é o destino dos aventureiros

Aldeas abandonadas e frondosa vexetación na ruta cultural desta fin de semana

Estas actividades están a contar cunha gran participación

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 07/11/2008
Os amantes da natureza e o deporte teñen este sábado 8 unha nova cita coa Rutas Culturais, o destino será, nesta ocasión, Pena Corneira no concello de Leiro. A saída será ás 10.00 horas de Pazo de Arenteiro, ata onde os participantes serán trasladados en autobús desde os seus respectivos campus. Un percorrido de aproximadamente 17 quilómetros, levará aos aventureiros por Lebosende, Pena Corneira e o espazo natural de Ridimoas. O camiño “é dunha gran fermosura, pasa por un par de pobos abandonados que aínda se conservan ben e a vexetación dos bosques é moi frondosa”, describiu José García-Calvo, organizador da ruta. En canto a dificultade do percorrido “é media, xa que o camiño non é moi longo, de todos modos hai que dicir que existe un tramo cun desnivel curioso”, dixo García-Calvo.
Unha vez chegados ao remate da ruta en Pena Corneira, visitarán o espazo natural de Ridimoas, no que “xente da súa Asociación Cultural-Ecolóxica nos ensinará a zona e o marabilloso bosque de vexetación autóctona”, comentou o organizador. A excursión rematará cara as 16.00 horas, momento no que os participantes serán trasladados de novo no autobús ata os seus lugares de orixe.

Gran participación

Unha das particularidades das rutas culturais deste ano é a enorme demanda que están a ter, na súa maioría de membros da comunidade universitaria, aínda que a actividade está aberta a todo o público. “No roteiro desta fin de semana contaremos con 84 participantes”, sinalou García-Calvo. Un dos motivos deste aumento de asistentes ten que ver co feito de que sexan os tres campus os que participen nas actividades, ademais “Pontevedra incorporouse este ano con moita máis presenza que o curso pasado”, dixo García-Calvo.
Por esta razón, a estratexia seguida ata o de agora cos autobuses vai a cambiar, xa que “un só autobús para os tres campus non é suficiente para trasladar a toda a xente”, proseguiu o coordinador. García-Calvo indicou que “serán empregados dous vehículos, un para achegar aos inscritos de Vigo e Pontevedra e outro só para os participantes de Ourense”, dese xeito non haberá problemas de espazo.

Próxima ruta

Os afeccionados ao sendeirismo terán que agardar ata o sábado 22 de novembro para gozar cunha nova andaina. A ruta Currosiana, que é unha novidade do programa deste ano, levará aos participantes polas localidades de Parderrubias, As Marabillas e Vilanova dos Infantes e tamén terán a oportunidade de visitar o Mosteiro de Celanova en San Rosendo. O percorrido, duns 17 quilómetros aproximadamente, ten unha dificultade media. Os que desexen apuntarse a esta ruta poderán inscribirse ata o martes anterior á saída no Servizo de Deportes de cada campus.