DUVI

Diario da Universidade de Vigo

El é un dos dous beneficiarios este curso do convenio coa asociación Down Ourense

Alejandro faise un oco na conserxería do Pavillón de Deportes

A iniciativa pretende contribuír á integración laboral de persoas con discapacidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 13/05/2014

Cando un leva un ano no paro e as oportunidades non son moitas, explica Alejandro Nieto, e de repente o chaman para estar durante seis meses traballando a alegría é enorme, para un mesmo e para a súa contorna. Por este motivo, apunta, cada tarde comeza a súa xornada laboral na conserxería do Pavillón de Deportes con moitas gañas e co desexo de sacarlle o máximo partido a unha experiencia que para el está resultado moi positiva. El é un dos dous beneficiarios este curso do convenio de colaboración que ten asinado a Universidade de Vigo coa asociación Down Ourense para o desenvolvemento dun programa específico de integración laboral de persoas con discapacidade.

“O meu traballo é o habitual dunha conserxería. Teño que atender ao público, recoller os carnés, revisar os armarios, preparar as instalacións para cada deporte, ir buscar o correo ao Edificio Xuridico-Empresarial, facer estatísticas e todo o que me vaian dicindo, segundo as necesidades do momento”, explica sobre o seu posto Alejandro Nieto. Cada día, desde principios de xaneiro e ata xuño, de luns a xoves e de 16.00 a 19.00 h, el é unha das persoas de referencia á que teñen que acudir os usuarios das instalacións deportivas do campus cando teñen calquera necesidade ou dúbida. “Gústame moito este traballo, sobre todo cando teño que atender á xente ou ir facer cousas fóra da conserxería. Gústame estar sempre ocupado e activo e teño uns compañeiros de traballo que me fan moi agradable e fácil as cousas. Todo perfecto”, comenta.

No Pavillón, destaca César Gómez, técnico do Servizo de Deportes que está con Alejandro na conserxería, están igualmente satisfeitos co traballo de Nieto. “É certo que despois de tantos anos recibindo a estes rapaces e rapazas xa temos adaptado o noso traballo pensando tamén neles, con pequenos detalles como o formato dos arquivos electrónicos que usamos ou o xeito que en que temos sinaladas as cousas. Pero hai que destacar que Alejandro colleu moi rápido as indicacións que lle demos e a rutina de traballo. É moi eficiente e válido, con moito don de xentes, pois pronto coñece ao usuario e o chama polo seu nome”, subliña Gómez.

Maior autonomía e integración

“Xa levamos moitos anos implicados nesta iniciativa. A primeira vez, sempre che impón algo máis porque non sabes como vai ser a experiencia pero pasado ese primeiro momento todo vai sobre rodas e de feito repetimos cada ano a nosa participación”, destaca Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense.

O convenio de colaboración do que é beneficiario Alejandro permite a dúas persoas estar durante seis meses no campus adquirindo experiencia no desenvolvemento de determinadas tarefas profesionais co obxectivo de dar un paso máis para a súa futura inserción laboral. As persoas con discapacidade, destacan os promotores desta iniciativa, precisan garantías suplementarias para vivir con plenitude de dereitos e para participar en igualdade de condicións que o resto de cidadáns na vida económica, social e cultural. Precisamente un dos aspectos máis importantes nesta integración, indican, é acadar que logren unha autonomía persoal que lles permita alcanzar o maior grao de independencia posible, cobrando especial relevancia o desenvolvemento de programas orientados á súa inserción no mercado laboral. “Axúdache moito no currículum ter este tipo de experiencia de cara a buscar logo outro traballo”, recalca Alejandro Nieto, que ten na actualidade 22 anos e moitas ganas de labrarse un futuro laboral.