DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes inaugurouse o Memorial Filgueira Valverde, promovido pola Universidade e Museo de Pontev

Alejandro de la Sota, piar fundamental da arquitectura do século XX

Durante tres días lembrarase a figura deste pontevedrés “referente para os seus colegas de profesión

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 06/11/2012

En 2013 conmemorarase o centenario do seu nacemento, pero o Memorial Filgueira Valverde quixo ser o primeiro en homenaxear a figura do pontevedrés Alejandro de la Sota. Este martes botou a andar a undécima edición desta iniciativa cultural promovida pola Universidade de Vigo e polo Museo de Pontevedra centrándose desta volta en lembrar “a un dos grandes arquitectos galegos e españois do seu tempo e figura de culto para as novas xeracións da profesión”, subliñou a deputada provincial Ana Isabel Vázquez. O xornalista Rafael López Torre foi o encargado de abrir o ciclo de conferencias, achegando unha visión máis próxima e familiar dun “dos grandes mestres da arquitectura do século XX”.

No acto inaugural desta undécima edición do Memorial a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, definiu este ciclo de conferencias como un referente cultural do outono pontevedrés “que seguramente creará a mesma expectación e o mesmo seguimento en masa que en todas as ocasións anteriores”, subliñou, ademais de destacar a colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo “que contribuíu a que esta edición saíra adiante”. O consello estivo representado polo seu presidente, Ernesto Pedrosa, que aludiu á importancia de que a Universidade estea presente e próxima á súa contorna “e máis nos actos de difusión culturais, como neste caso, que se tenta achegar e dar a coñecer a figura de Alejandro de la Sota á sociedade”. A deputada Ana Isabel Vázquez, a vicerreitora e o presidente do Consello Social estiveron acompañados por Carlos Valle, director do Museo Provincial e impulsor do Memorial, e por Juan de la Sota, fillo do homenaxeado.

Unha aproximación profesional e persoal

Tras o acto institucional tomou a palabra o xornalista Rafael López que impartiu a conferencia Alejandro de la Sota: a forxa dun artista. López Torre afondou nas orixes pontevedresas do arquitecto, “como a que foi a súa casa, a súa cidade e a súa familia ata os 30 anos trazaron a súa forma de ser”. Estudoso da figura de Daniel de la Sota, pai de Alejandro, o xornalista, dende un punto de vista próximo e persoal, analizou como a personalidade do primeiro influíu na do fillo, reflexións para as que contou coa colaboración de Juan de la Sota “tamén fondamente convencido de que a contorna pontevedresa marcou a personalidade a traxectoria do arquitecto de maneira definitiva”.

Ao longo destes tres días de conferencias, analizaranse o contexto pontevedrés no que nace e se forma como arquitecto e as súas achegas profesionais na segunda metade do século XX, tanto na cidade do Lérez, como son o Pavillón Municipal dos Deportes (1970) e a Casa Domínguez (1976), como noutras comunidades autónomas, “o que o levou a ser moi recoñecido fóra de Galicia”. Foi un profesional “moi respectado na súa época” e, segundo os expertos, aínda segue asombrando a innovación da súa técnica “fresca, enxeñosa e actual”, creacións que xa foran gabadas no seu tempo co Premio Nacional de Arquitectura en 1963, 1973 e 1974, entre outras distincións.

Mañá mércores 7 de novembro continuará o ciclo de conferencias da man dos arquitectos Alberto Noguerol e Pilar Díez, que achegarán unha visión moi próxima á súa concepción profesional, dada a relación estreita que mantiveron co homenaxeado. O Memorial rematará o xoves coa intervención de Teresa Couceiro, directora da Fundación Alejandro de la Sota. Como en anos anteriores, este encontro celébrase no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ás 20.00 horas aberto a todo o público ata completar aforo.