DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os 24 alumnos e docentes da Facultade de Historia volven da III Viaxe de Estudos Arqueolóxicos a ese

Alemaña tamén cumpre tópicos en arqueoloxía

Destacan o excelente estado de conservación, organización e coidado do seu patrimonio

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 02/03/2012
Pensando en tópicos, de Alemaña agárdase en todos os aspectos un alto grao de organización, eficiencia e calidade. Os 24 alumnos e docentes da Facultade de Historia que acaban de regresar da III Viaxe de Estudos Arqueolóxicos a ese país puideron comprobar en primeira persoa que ese tópico é máis ben unha realidade. Despois dunha semana percorrendo os límites da antiga fronteira entre o Imperio Romano e os bárbaros, o Val de Mosela e outras zonas do país volven a Ourense impresionados polo excelente estado de conservación, organización e coidado do seu patrimonio histórico e cultural.

“A viaxe desenvolveuse moi ben en todos os aspectos, na convivencia, na organización e tamén na aprendizaxe”, explica Fermín Pérez, director do Laboratorio de Arqueoloxía que organizou esta expedición xunto a Delegación de Alumnos da Facultade de Historia. Seguindo o itinerario previsto, os participantes comezaron percorrendo en coche a zona do sur occidente de Alemaña, as “limes germanicus”, unha liña de fortes fronteirizos que separaba o Imperio Romano das tribos xermánicas non sometidas desde o ano 83 ao 260. Logo continuaron polo Val do Mosela para rematar cunha visita a algunhas das máis destacadas cidades xermánicas, como Tréveris, Frankfurt e Colonia.

Experiencia formativa e persoal

O tempo acompañou á expedición ourensá, que a pesar de atopar algo de neve os primeiros días puido desenvolver o programa previsto sen incidencias. No seu percorrido por terras xermánicas os docentes e alumnos, de diferentes cursos da titulación e do mestrado de Historia, viron con especial interese as reconstrucións integrais de xacementos que se realizan nese país, como a reconstrución completa da vila de Borg. Tamén gozaron observando a rehabilitación dos centros históricos das cidades despois dos bombardeos da II Guerra Mundial e das pegadas deles que aínda son visibles. “Foi un percorrido moi interesante desde o punto de vista da historia e da arqueoloxía”, apunta Fermín Pérez.

Xunto á parte académica, neste tipo de iniciativas ten moito peso a parte de convivencia e experiencia persoal dun grupo de 24 persoas de viaxe noutro país. Neste senso, destacan o bo ambiente no grupo e o excelente desenvolvemento da viaxe, grazas en parte ás satisfactorias condicións da rede de albergues estatais e á eficiente organización dos servizos en Alemaña. “Só temos as anécdotas típicas dunha viaxe low cost coma esta e moitos recordos bos da experiencia”, resume o director do Laboratorio de Arqueoloxía.