DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O economista explicou como confianza, compromiso e coraxe son imprescindibles para saír da crise

Alex Rovira: "A innovación e a transformación pasan por superar os umbrais de máxima incompetencia"

Para o escritor a Universidade de Vigo é un exemplo de liderado nunha época na que sobra talento e f

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 20/10/2011

O azar existe, pero non é o único factor que entra en xogo na vida: outorgar os méritos de alguén á sorte implica descontarlle "unha serie de principios e valores que van forxando o destino", como a confianza, o compromiso ou a coraxe. "A Universidade de Vigo non é o que é por casualidade, senón que ten unha visión, unha utopía coa que dar un paso ao fronte", como asegurou o economista e escritor Alex Rovira durante a conferencia Transformación e innovación: crise, crisálida, crisol, organizada polo Consello Social da institución viguesa e o Campus do Mar. "A innovación e a transformación pasan por superar os umbrais de máxima incompetencia insconsciente, eivas que a Universidade conseguiu reventar en tan só 21 anos. Non hai moitas así, vou a utilizala como exemplo do que podemos chegar a ser", recordou.

Pero innovar non é unha tarefa doada nun momento no que unha crise "de valores e de fondo" deu pé a unha bancarrota económica "por comprar cun diñeiro que non tiñamos cousas que en realidade non necesitabamos para impresionar a descoñecidos e avalados por activos que non valían o que custaban nun sistema financieiro moi mal xestionado. Sete negacións da realidade que nos levaron a pagar un prezo moi alto". Para poder ser creativo neste contexto é fundamental ter coraxe e ser conscientes de que existe algo polo que merece a pena arriscarse, "dar un paso ao fronte sabendo que tes que superar moitas dificultades".

Compromiso e vontade de aprendizaxe

Para Rovira é imprescindible ter unha elección consciente e proactiva, ademais de compromiso e vontade de aprendizaxe para chegar á excelencia, á innovación e á posterior evolución. Pero sobre todo hai que conseguir a confianza, que xenera a vontade de cooperación "con responsabilidade individual e de liderado e as gañas de crear sinerxias sen medo". Unha actitude contaxiosa que consegue que "algunhas persoas fagan 14 horas ao día para sacar adiante proxectos con ledicia e cobrando un salario que nada ten que ver co que cobran executivos indecentes do sector que sexa" e que debe ir acompañada de emoción para non eliminar unha fonte fundamental de información. Con máis talento que cartos, en plena crise xa non chega con ser bo no que se fai, senón que hai que ter competencias persoais, profesionais e sociais. "A Universidade de Vigo ten as tres e por iso triunfa. Iso crea cultura e se a sabe vender ben pode converterse nun referente internacional", asegurou Rovira, entusiasmado coas gañas de traballo que atopou na súa visita ás instalacións do campus e coa capacidade de aproximación ás empresas da Universidade de Vigo.

Pouca xente cambia porque quere

Son poucos os que se atreven a ir un paso por diante e "cambiar por convicción", xa que a maioría da xente faino por compulsión, como reacción a unha situación dada, a unha provocación, obrigación ou ameaza. Entre os actores que tiveron a osadía de ser líder natural e encarnar unha visión a través do esforzo foi, segundo Rovira, a Universidade de Vigo, "un exemplo de como en 21 anos pode levarse a cabo un proxecto fascinante de presente e futuro. Sen crise non habería creatividade, pero non deixa de ser algo incómodo. Canto maior é a necesidade adaptativa máis fácil chega o cambio, pero sempre hai un alto factor de resistencia".

Con máis de cinco millóns de libros vendidos e apoiado en exemplos moi gráficos de superación persoal, Rovira salientou que unha das grandes vantaxes que ten a crise é que non é irreversible, aínda que hai que tomar as medidas necesarias a tempo para evitar que a situación acabe en traxedia. O futuro non é inevitable, é "imaxinable", pero adaptarse á nova realidade e "creer o que creas" esixe análise e estudos con criterio.