DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A vindeira semana terá lugar o VI Congreso Internacional de Investigación e Relacións Públicas

A alfombra vermella dos Óscar desde a óptica dos profesionais en RRPP

A Facultade de CCSS e da Comunicación acollerá por primeira vez este evento

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 25/04/2011
O mes de maio chega ao campus pontevedrés cargado de eventos académicos e científicos. Á celebración do VII Congreso Nacional do Deporte e da undécima edición do Curso Complementario de Comunicación e Protocolo hai que engadir o VI Congreso Internacional de Investigación e Relacións Públicas, que converterá por primeira vez á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación na sede oficial desta disciplina durante o 5 e o 6 de maio. Afondarase nas novas tendencias científicas e investigadoras das relacións públicas ademais de ofrecer unha visión máis especializada coa exposición de casos prácticos como o protocolo na cerimonia dos Óscar ou na recente visita do Papa a Barcelona.

Se nas pasadas edicións as universidades de Sevilla, de Girona e de Ramón LLul acolleron o evento, este ano tócalle a quenda á Universidade de Vigo, coa temática Relacións Públicas: oportunidades en tiempo de crisis, pois “é preciso que os profesionais sexamos conscientes dos condicionantes actuais para poder progresar e saír reforzados”, comenta Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus de Pontevedra e coordinadora do congreso. Con máis de cen inscritos, ten como finalidade defender o carácter científico e investigador das relacións públicas, ademais de achegar unha formación continuada aos titulados e aos profesionais nesta disciplina. Así mesmo, pretenden dar a coñecer as principais novidades que vaian acontecendo no sector, creando un foro para o debate e a reflexión entre investigadores, docentes, universitarios, profesionais, medios de comunicación e sociedade civil en xeral, sen esquecerse de promover a presenza de materias de relacións públicas nos plans de estudos das titulacións propias das Ciencias da Comunicación.

Cinco mesas temáticas

Máis de 45 congresistas participarán nun total de cinco mesas temáticas, nas que se tratarán as relacións públicas tanto desde unha óptica teórica como práctica. A primeira mesa temática afondará na formación e investigación nas relacións públicas, sendo a planificación estratéxica punto importante no congreso, onde destacarán o seu papel como “influenciadora e mediadora” na imaxe das organizacións. As relacións públicas 2.0 e os seus públicos emerxentes tamén serán puntos centrais de debate. A conferencia inaugural correrá a cargo de Craig Carroll, profesor asociado da Lipscomb University, en Nashville, Tennessee, “que falará sobre o panorama investigador das relacións públicas a través das revistas científicas”, e pechará as intervencións do xoves o director de comunicación de Inditex, Jesús Echevarría.

A perspectiva máis práctica do congreso quedará reservada para o venres 6 de maio na que diferentes profesionais exporán as súas experiencias con casos concretos de relacións públicas. Así, falarase sobre a visita do Papa a Barcelona con motivo da sacralización da Sagrada Familia, da responsabilidade social corporativa dos canais de televisión como Antena 3 ou das estratexias de comunicación empregadas por Spanair tras o accidente aéreo do agosto de 2008. Así mesmo exporanse exemplos máis especializados como o protocolo na cerimonia dos Óscar, nos actos oficiais do franquismo ou o empregado polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. A conferencia de clausura será impartida por Carlos Paniagua, presidente e fundador de Paniagua Consultores, “un dos principais expertos históricos no panorama español”, explica Souto.

Tempo para o ocio

Ademais da vertente profesional e investigadora do congreso, os asistentes poderán aproveitar para coñecer a cidade, xa que está programada unha visita polo casco antigo de Pontevedra e de Combarro, ademais dunha oferta cultural coa obra de teatro Hipotecados na Casa das Campás. Organizado en colaboración coa Asociación de Investigadores en Relacións Públicas, AIRP, o prazo de inscrición estará aberto ata o próximo venres 29 de abril.