DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes de Dirección e Xestión Pública visitaron o Parlamento de Galicia e a sede o Valedor do Po

Alí onde reside a soberanía popular

O alumnado mantivo un coloquio cos deputados Pedro Puy, José Luis Méndez Romeu e Francisco Jorquera

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 04/04/2014

Cando o obxecto de estudo dunha materia son as funcións e o funcionamento dos órganos de goberno e as institucións da comunidade autónoma, poucas accións poden resultar máis apropiadas para levar ao alumnado da teoría a práctica que levalos á sede da soberanía popular e sentalos nos asentos nos que os representantes do poder lexislativo discuten e aproban as leis. Iso foi precisamente o que fixo un grupo de 25 estudantes do grao en Dirección e Xestión Pública, que cursan a materia Sistema político español e galego e que veñen de visitar o Parlamento de Galicia e a sede do Valedor do Pobo. Non en van, “palpar as institucións axuda a achegalas á cidadanía”, como destaca o profesor Álvaro López Mira, que acompañou ao estudantado neste percorrido institucional.

No seu periplo polo parlamento autonómico, os estudantes puideron coñecer máis do funcionamento da cámara autonómica en plenos e comisións, así como percorrer os espazos destinados aos diferentes grupos parlamentarios e outra serie de dependencias do Pazo do Hórreo. Un completo percorrido que permitiu “achegar moito a realidade política aos estudantes, que puideron comprobar como funciona unha institución moi próxima e, á vez, moi distante”, recoñece López Mira.

Tras visitar o salón dos reis, o espazo no que se desenvolve a cerimonia de toma de posesión dos presidentes da Xunta, e contemplar a través do circuíto de televisión da cámara o funcionamento dunha comisión, este grupo de estudantes culminou a súa visita tomando asento no hemiciclo para participar nun coloquio cos portavoces parlamentarios do PPdeG, Pedro Puy; PSdeG, José Luis Méndez Romeu, e BNG, Francisco Jorquera. No salón de plenos, os deputados sometéronse ás preguntas dos estudantes, que centraron o debate “na redución de escanos no parlamento autonómico, en se existía ou non actualmente unha verdadeira división de poderes e na desvinculación que existe entre a política e a cidadanía”, como relata a alumna Esther Cuesta. Aínda que López Mira salientou “o alto nivel dialéctico de tres parlamentarios moi veteranos, que achegaron opinións bastante enriquecedoras”, o certo é que o discurso dos políticos non convenceu por completo aos estudantes presentes na cámara. “Foi interesante, pero non se saíron do corsé, reproduciron a dinámica parlamentaria”, apunta Pablo Escobero, outro dos estudantes presentes nesta visita.

O Valedor do Pobo, primeira parada

Antes de percorrer a cámara autonómica, o alumnado de Dirección e Xestión Pública fixo parada na sede do Valedor do Pobo, onde foron recibidos pola letrada asesora deste organismo e profesora da Universidade Vigo Beatriz González, que lles explicou as funcións e o modo de funcionamento dunha institución dedicada á defensa dos dereitos e liberdades da cidadanía. “Foi un coloquio moi didáctico e os estudantes quedaron moi sorprendidos das múltiples tarefas que pode desempeñar o Valedor do Pobo na defensa dos dereitos dos cidadáns”, relata López Mira.

De feito, a recente presentación do informe anual desta institución permitiu ao alumnado comprobar con cifras o volume de traballo do alto comisionado do Parlamento para a defensa dos dereitos da cidadanía. As máis de 23.000 actuacións levadas a cabo por este organismo o pasado ano, levaron aos estudantes a recoñecer a importancia “dunha institución que en temos de crise debería reforzarse”, como opina Pablo Escobero, “e tamén promocionarse, porque moita xente non coñece as súas funcións”, engade Andrea González, outra das alumnas presentes na visita.