DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade e Zona Franca asinan o convenio para a creación dun polo de innovación

Alianza estratéxica para achegar a innovación a pemes e emprendedores

A posta en marcha dunha factoría de innovación será a primeira accións concreta do acordo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 30/11/2011
Datos do Ministerio de Ciencia e Innovación revelan que a produtividade nas empresas innovadoras increméntase ata un 16% respecto das que non o son, e que as vendas das primeiras aumentan ata un 2% en relación coas segundas, mentres que as posibilidades de exportación e internacionalización nas empresas que realizan gastos en innovación aumentan en 18 puntos porcentuais fronte ás que non fan ningún investimento. Por que non facilitarlle entón ás pequenas e medianas empresas e aos emprendedores da comarca de Vigo as ferramentas que lles permitan a través da innovación medrar económica e empresarialmente e crear máis emprego?
A Universidade de Vigo e a Zona Franca decidiron asumir esta responsabilidade e tras un ano de traballo o reitor, Salustiano Mato e a delegada do Estado, María Teresa Pisano, asinaron hoxe o convenio marco para a creación dun polo de innovación que segundo Mato “facilitará a través da interactuación dos instrumentos de Zona Franca e da Universidade atender as necesidades de pemes e emprendedores que precisan converter as ideas en valor económico”. Unha iniciativa coa que Pisano explicou que Zona Franca e Universidade pretenden “desenvolver un conxunto de servizos que permitan saír da crise a través de a innovación entendida no seu sentido máis amplo, entendida como cambio”.

O primeiro proxecto concreto a desenvolver ao abeiro deste polo de innovación será un acordo que se asinará proximamente coa Escola de Organización Industrial (EOI) do Ministerio de Industria que facilitará creación en Vigo dunha factoría de innovación entendida como un centro de excelencia na xestión da innovación para capacitar ás empresas en esta materia. Ademais segundo avanzou Pisano “pretendemos nun futuro a través do polo de innovación desenvolver un conxunto de servizos e infraestruturas que permitan facilitar á empresa a saída da crise pola vía da innovación”.

Un salto de escala dirixido a calquera empresa

Ademais de impulsar o crecemento económico e empresarial e a creación de emprego, a alianza estratéxica que poñen en marcha a Universidade de Vigo e Zona Franca fomentará, segundo Salustiano Mato, “a internacionalización ao tempo que atraerá investimentos a través da innovación”. Para o reitor da Universidade de Vigo cómpre “dar saltos de escala, para o que é preciso, en primeiro lugar, reordenar as capacidades que temos na nosa área metropolitana” e a partir de aí comezar a funcionar, para posteriormente buscar alianzas con outros polos estratéxicos.

Sobre os destinatarios do polo de innovación Mato e Pisano coincidiron en sinalar que son calquera empresa “que queira innovar”. Nesta liña o reitor citou os casos de Campus do Mar do que dixo “abrirá océanos azuis para as pemes” e tamén o do Vigo Tecnolóxico nos ámbitos da automoción, as TIC ou as enxeñarías espacial e biomédica. “Esta rede de traballo servirá para introducir no mundo da innovación a calquera empresa”, afirmou Mato que lembrou que son a día de hoxe máis de un cento as empresas creadas na área de Vigo por egresados emprendedores da Universidade de Vigo.

A concepción e desenvolvemento de proxectos colaborativos de transferencia; a organización e realización de actividades formativas; o apoio aos emprendedores; o intercambio de métodos, procesos e sistemas, así como a participación en proxectos interese común relacionados co emprendemento e o fomento da transferencia tecnolóxica ao mercado, son os obxectivos contemplados no convenio marco co que a Zona Franca e a Universidade avanzan na promoción da innovación e o desenvolvemento de accións innovadoras.