DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato asinou co seu homólogo gaditano un convenio de colaboración

Alianza estratéxica dos campus do mar de Cádiz e Vigo na procura do liderado internacional en coñecemento mariño

Docencia, investigación e proxección internacional centrarán as actuacións conxuntas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 13/09/2011

Acadar unha rede de docencia, investigación e transferencia internacional para que España lidere o coñecemento do mar en Europa é o obxectivo do convenio de colaboración asinado este martes polos reitores das universidades de Cádiz, Eduardo González e Vigo, Salustiano Mato. En representación de cadanseu campus do mar, os reitores formalizaron en Cádiz unha alianza estratéxica para o desenvolvemento de accións conxuntas coas que acadar a excelencia internacional nos ámbitos académico, científico e social.

“Temos a necesidade de crear alianzas para ser máis eficientes”, asegurou o reitor de Cádiz que a semana pasada asinou un acordo similar co campus Mare Nostrum e en breve formalizará outro coas universidades de Las Palmas e La Laguna. Pola súa banda o reitor vigués incidiu na importancia deste tipo de acordos para “aunar capacidades para unha captación internacional” en especial para fomentar que países emerxentes contraten proxectos con empresas que apoian ambos campus. Neste sentido Mato apuntou a singularidade dos campus que dixo “temos capacidade e unha oportunidade única para proxectalos ao mundo”.

O CEIMAR que coordina a Universidade de Cádiz e do que forman parte as institucións académicas de Almería, Huelva, Málaga e Granada, así como universidades lusas e marroquís e organismos científicos, pasou no mes de xullo a primeira fase para acadar o Programa Campus de Excelencia Internacional e agarda agora polo resultado da avaliación da segunda fase que terá lugar a mediados do mes de outubro en Madrid.

Máis e mellores oportunidades, servizos e instalacións

O acordo asinado hoxe na cidade andaluza concretarase no aumento e optimización da oferta de oportunidades, servizos e instalacións, ao tempo que permitirá ás universidades e entidades de investigación adscritas asumir unha misión de carácter local, rexional e internacional. O desempeño dunha maior interacción sobre a contorna territorial ampliando a súa responsabilidade con respecto á sociedade e o desenvolvemento de actividades que redunden no logro dos obxectivos dos seus proxectos de converxencia a Campus de Excelencia Internacional , son outras accións nas que se concretará o convenio asinado hoxe.

“O mar é unha oportunidade de desenvolvemento e crecemento que temos a obriga de optimizar e é a razón de ser de CEIMAR”, asegurou o reitor gaditano para que esta alianza “supón que podemos traballar en proxectos de innovación educativa e no establecemento dunha rede internacional de docencia e investigación”.

Convenios específicos para materializar o acordo

O desenvolvemento da alianza materializarase en programa s e proxectos de actuación concretos que promoverán as universidades e organismos participantes nos campus de excelencia internacional, mediante convenios específicos. Docencia-investigación e proxección internacional foron os planos de desenvolvemento do acordo ao que se referiron ambos reitores, o primeiro deles a través dunha oferta compartida entre as institucións participantes e o segundo, para penetrar dun xeito máis efectivo no exterior.

A participación das empresas e industrias do sector coas que se colabora estreitamente para acadar “unha masa crítica” que non só lidere proxectos europeos senón que tamén faga posible que sexa “unha oferta atractiva internacionalmente” foi outros dos aspectos sobre o que incidiron os reitores de Cádiz e Vigo nas súas respectivas intervencións.