DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Concerto de Nadal da Universidade de Vigo no Centro Cultural Novacaixagalicia

Alianza de fusións para crear un universo mellor

Berrogüetto e Carmen París mesturaron música e filosofía arroupados polas Pandereteiras de Cantigas

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 15/12/2010
Cunha colección de sons orgánicos que recollen a alma do grupo. Así foi como comezou o Nadal na Universidade de Vigo, que celebrou no Centro Cultural Novacaixagalicia o seu tradicional concerto con protagonistas moi vencellados á innovación e á experimentación: os sete integrantes de Berrogüetto. A súa proposta foi unha viaxe case astral ata o berro inicial do universo á que leva o seu quinto traballo, ‘Kosmogonías’, unha síntese entre música, filosofía e ecoloxía coa que sentar as bases dunha mellor relación co planeta e un voto pola igualdade cando se cumpren 20 anos da chegada da muller á universidade. Para conmemoralo e contrarrestar a un grupo composto por homes, todas as invitadas da noite foron mulleres. "A revolución ten que rematar e entregarse a igualdade definitiva entre ambos sexos sen ter que esperar demasiados anos neste comezo turbulento de século", comentou a nova adquisición do grupo, Xabier Díaz, que quixo agradecer "a especial sensibilidade que a Universidade de Vigo ten coa música galega dende sempre".

O concerto arrancou con 'Ataque de Jota', cun Berrogüetto que mantén a súa identidade, un estilo persoal marcado pola mestura da música tradicional galega con novos sons. Por iso, a presenza de Carmen París sobre o escenario encaixaba como anel ao dedo. Despois de comer "dúas ducias de ostras na Pedra e unha de mexillóns", a artista zaragozana amosou unha vez máis que á hora de fusionar estilos e ritmos diferentes non ten rival. "É unha das voces da península por excelencia, cunha gran traxectoria e unha persoa comprometida", presentou Anxo Pintos, outro dos compoñentes do grupo. A dúo con Xabier Díaz, París foi capaz de por a pel de galiña a todo o auditorio cantando incluso "unha jota moruna con marcado acento caribeño".

Éxito rotundo

Un concerto exclusivo e único do que puido gozar un teatro ateigado con preto dun milleiro de espectadores que escoitaron de primeira man os novos traballos destes artistas. Un público de todas as idades entre o que non podía faltar boa parte do Equipo de Goberno (coa presenza, entre outros, dos vicerreitores de Economía e Planificación, Xosé Manuel García; de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia; de Relacións Internacionais, Manuel Fernández; ou de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas), así como representantes do Concello de Vigo, como o alcalde, Abel Caballero; o tenente de alcalde, Santiago Domínguez e diversos concelleiros.

Todos puideron escoitar unha música mesturada con poesía galega cos acordes de 'Alalá da noite', unha canción musicada por Quico Comesaña a partir dun poema que Manuel Rivas enviou ao grupo "como agradecemento tras un concerto hai dous anos". Foi o anticipo doutro dos pratos fortes da noite: a presenza das Pandereteiras de Cantigas e Agarimos, que levan moitos anos acompañando a Berrogüetto nalgunas das súas andanzas. "Galicia está chea de talento e arte, persoas cunha pericia extraordinaria que fan cousas que en calquera parte do mundo chamaría a atención pero que aquí quedan nun segundo plano, reducidos a aderezo para actos. Hai que tomar conciencia diso, valoralos como se merecen: cando toque un grupo de pandereteiras ou de gaiteiros deixemos de pensar na empanada e prestemos atención", reclamou o solista do grupo.

O 'I+D' da música galega

Desde o seu debut alá polo ano 1996, Berrogüetto sobrepasou con creces a etiqueta folk para chegar a unha nova categoría: música do mundo. É aí onde encaixa á perfección ‘Kosmogonías’, que chega catro anos despois do disco '10.0', co que festexaban levar xa toda unha década subidos aos máis diversos escenarios. Catro anos de traballo que aterra con dúas novidades importantes, nova voz e novo son: á formación non só se incorpora Xabier Díaz, habitual colaborador do grupo co que se fai unha aposta por ter unha voz solista masculina, algo moi pouco corrente entre os grupos de folk galegos, senón que tamén entra a nickelharpa, un instrumento de corda orixinario do folclore sueco e similar en aspecto a unha zanfona construído neste caso de xeito artesanal por Quim Farinha. En total 11 cancións, cinco de elas con letra, que pretender ser unha homenaxe aos heroes cotiás, a aqueles que fan o día a día moito máis levadeiro. Ahora, Berrogüetto atrévese a probar co jazzy e o new age a partir das raíces folclóricas galegas.

Pola súa banda, Carmen París chegou co seu ‘Incubando’ baixo o brazo, un disco composto en 2007 en Cuba no que a jota segue estando como telón de fondo, pero con tantos matices e transgresións como a maña nos ten acostumada. A presenza de ritmos cubanos é a principal novidade na marmita de París, con cancións burlonas, vivas, empapadas de luz caribeña e de bo sentido do humor froito dun ano frenético de inspiracións e paixóns. Coa colaboración de Santiago Auserón e de Haydeé Milanés, filla de Pablo Milanés, o disco levou o premio como Mellor Álbum de Fusión nos Premios da Música 2009.