DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar o venres e o sábado

Allariz acolle o “I Seminario Internacional de Cooperación Transfronteiriza”

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 27/11/2007

O I Seminario Internacional de Cooperación Transfronteiriza nace para compartir experiencias. Hai moitos profesores e investigadores a nivel de España e de Europa traballando neste ámbito e é interesante debater. Tivemos que circunscribirnos aos casos da Península Ibérica porque o tema é tan amplo que era inabarcable para un seminario coma este” explicou Celso Cancela, profesor da Universidade e director desta iniciativa. Neste seminario, que se celebrará a vindeira fin de semana en Allariz, analizaranse as situacións comúns a as diferenzas das tres fronteiras coas que conta España: a de Euskadi-Aquitania, a da Eurorrexión Pirineos Mediterráneo e a Galego-Portuguesa con notables diverxencias entre elas por factores políticos.

Programa do Seminario

Na primeira sesión do venres, profesores da Universidade do País Vasco analizarán o caso vasco-francés “no que a problemática vén dada pola reivindicación territorial que fai que a nivel político haxa, ás veces, medo a cooperar” apuntou Cancela.
O mesmo día, pero xa pola tarde, tomarán a palabra docentes da Universitat Autònoma de Barcelona para explicar como son as relacións na fronteira entre Cataluña e Aragón coa zona francesa dos Pirineos, que ten como principal dificultade a presenza de 5 rexións interlocutoras á hora de tomar decisións.
Xa o sábado as reflexións centraranse no caso máis próximo: o de Galicia coa rexión norte de Portugal e que será abordado por profesores das Universidades de Vigo e Santiago, así como da Universidade de Minho. Celso Cancela comentou que a característica principal desta fronteira é “a estabilidade política, pois data do século XII, e goza dunha relativa harmonía. Hai varios factores positivos como a afinidade cultural ou o feito de recibir fondos europeos comúns” dixo. Ademais as relacións están formalizadas dende hai 16 anos na Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, un órgano de cooperación continua que abrangue un ámbito moi amplo no que se atopan as infraestruturas, os temas ambientais, os laborais e a sanidade entre outros. No pasado estes contactos transfronteirizos eran esporádicos pero dada a mobilidade das persoas motivada polas políticas da Unión Europea foi necesario regularizalos.
O seminario está organizado pola área de Ciencia Política e da Administración da Universidade e polo Centro Europeo de Excelencia Jean Monnet.