DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro da VIII Conferencia de Decanos e Directores de Maxisterio e Educación, en outubro

Allariz será a sede nacional dun foro de debate sobre os estudos de Ciencias da Educación

O futuro de Psicopedagoxía e o mestrado de secundaria serán os principais puntos de debate

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 12/07/2010

Os estudos universitarios relacionados co ámbito educativo teñen en España unha gran tradición e moito alumnado. Segundo explica Mercedes Suárez, decana da Facultade de Ciencias da Educación do campus, “son uns títulos que posúen unha gran relevancia dende o punto de vista social”, un argumento que basea nos propios datos de matrícula e docencia do centro que dirixe. “Só na nosa facultade temos nestes momentos máis de 100 docentes e 1600 alumnos, unha cifra que nos converte no terceiro centro da Universidade de Vigo en número de estudantes”, declara.

Na actualidade e segundo os datos facilitados por Xosé Manuel Cid, vicedecano do centro, hai en España 110 facultades de Ciencias da Educación e todas elas comparten o mesmo traballo e problemática á hora de organizar o seu funcionamento así como no que respecta á recepción e acollida de estudantes e ao deseño e confección dos seus plans de estudos. Esta realidade motivou a creación dunha xuntanza que reúne cada ano aos decanos e directores dos distintos centros educativos para traballar en asuntos de interese común e deseñar as liñas de acción a seguir. A Conferencia de Decanos e Directores de Maxisterio e Educación celebrará a súa oitava edición os vindeiros días 26 e 27 de outubro en Allariz organizada pola Facultade de Ciencias da Educación de Ourense. A adaptación destes estudos ao Espazo Europeo de Educación Superior, o mestrado de secundaria (antigo CAP), o futuro de Psicopedagoxía (actualmente un título de segundo ciclo) e incluso a repercusión da crise económica nos presupostos dos centros serán algúns dos temas que se tratarán no encontro.

Un recoñecemento ao traballo da facultade

Mercedes Suárez amosa a súa satisfacción polo feito de que esta oitava reunión dos decanos das facultades de Ciencias da Educación se celebre en Ourense porque, na súa opinión, “é unha maneira de recoñecer o importante traballo que levamos adiante na conferencia dende os inicios da iniciativa”. A decana subliña tamén que este encontro permitirá amosar ao público en xeral os estudos universitarios relacionados coa educación, unha formación que cualifica de “fundamental para a sociedade”.

Os participantes na conferencia –uns 150 segundo as estimacións de Xosé Manuel Cid- chegarán dende todos os puntos do país a Santiago de Compostela o día 25 de outubro para visitar a cidade e os seus principais monumentos así como para coñecer de primeira man un proxecto educativo que vén de pór en marcha o Concello de Santiago. Seguidamente viaxarán ata Allariz para participar activamente en sesións de traballo durante os días 26 e 27 de outubro.

Dende o futuro de Psicopedagoxía ata a crise económica

Son moitos os temas que abordarán os participantes na xuntanza, como por exemplo os procesos e procedementos de adaptación das actuais diplomaturas aos novos graos. Segundo explica Mercedes Suárez, “hai sete diplomaturas de estudos universitarios de especialización diferentes en todo o estado español que agora se quedaron en dous graos, e xa temos solicitudes de persoas que nos preguntan sobre o procedemento a seguir para adaptar o seu título ao novo grao”, declara.

Nos estudos relacionados coa formación de educadores as prácticas posúen unha grande importancia. De feito a decana Mercedes Suárez revela que só o seu centro ten máis de 200 convenios asinados con distintas institucións públicas e privadas para que o alumnado da facultade poida manter o seu primeiro contacto co mundo laboral. “Colocar a todos estes alumnos e alumnas nas distintas institucións receptoras leva consigo un importante traballo organizativo e de xestión que é importante coordinar con outros centros”, explica.

Explica Xosé Manuel Cid que un dos temas que máis preocupa aos decanos das facultades de Ciencias da Educación é o futuro de Psicopedagoxía, configurada na actualidade como un título de segundo ciclo. Os asistentes ao encontro abordarán esta temática e outras como o sistema de validación entre as universidades para recoñecer os distintos títulos, as esixencias no que respecta ao traballo fin de grao dos estudantes e preocupacións como a que supón a repercusión da actual crise económica nos presupostos dos centros para o seu funcionamento ordinario.